Nova: A Xunta concede o Premio Elías Valiña 2024 á Asociación Bretoa dos Amigos de Santiago e á Fundación San Antón por revitalizar o Camiño

02/12/2024

A Xunta concede o Premio Elías Valiña 2024 á Asociación Bretoa dos Amigos de Santiago e á Fundación San Antón por revitalizar o Camiño

O galardón, impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, é compartido ao ter ambas as puntuacións máis altas entre as candidaturas presentadas

Esta distinción está dotada con 15.000€ e vai dirixida a asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que protexen a Ruta Xacobea

A convocatoria deste ano recoñece unha mención especial a Mario Clavell e Paulo Sá

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2024

A Xunta de Galicia acaba de conceder de xeito compartido a XXV do Premio Elías Valiña á Asociación Bretoa dos Amigos de Santiago Compostelle Bretagne e á Fundación San Antón en recoñecemento a ambas as dúas o seu labor revitalizador do Camiño de Santiago. Así se recolle hoxe no Diario Oficial de Galicia, que publica as entidades galardoadas, elixidas de xeito compartido, tras obter a máxima puntuación entre as candidaturas presentadas. A convocatoria inclúe tamén unha mención especial para os mestres Mario Clavell e Paulo Sá.

O galardón, impulsado desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, está dotado con 15.000 euros e diríxese a asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan entre os seus fins a protección e fomento da Ruta Xacobea. Nesta edición, o xurado premiou á Asociación Bretoa dos Amigos de Santiago Compostelle Bretagne en recoñecemento “ao seu volume de traballos e actuacións e intervencións” a este respecto, á vez que salienta “o seu carácter multifacético e diverso”. Pola súa banda, da Fundación San Antón o xurado destaca o seu traballo no eido da hospitalidade, “que evoca a tradición e valora esencias xacobeas de austeridade e solidariedade”.

A Asociación Bretoa dos Amigos de Santiago Compostelle Bretagne destaca polo seu traballo en rutas de peregrinación a Galicia desde a Bretaña e por potenciar os 1500 quilómetros de sendeiros que a atravesan. Pola súa banda, a Fundación San Antón ten entre os seus principais obxectivos poñer en valor as ruínas do convento de Castrojeriz, en Burgos, para convertelo nun punto importante de peregrinaxe do Camiño de Santiago.

No caso das mencións especiais ao mestres Mario Clavell e Paulo Sá recoñecese a súa contribución ao fomento dos valores do Camiño. Mario Clavell é docente catalán xubilado que vive desde hai décadas en Santiago e ten difundido a súa experiencia como camiñante en Los Caracoles también llegan a Santiago, mentres que Paulo Sá é un recoñecido estudoso do Camiño e dos seu percorrido por Portugal.

Galardóns da anterior edición

Os Premios Elías Valiña celebran este ano a súa vixésimo quinta edición en recoñecemento a distintas entidades que traballan a favor do Camiño de Santiago. Cómpre lembrar que o ano pasado os recoñecementos foron para as asociacións de amigos do Camiño de Santiago da Santa Cruz de Cuenca e de Río Grande do Sul do Brasil. Ademais, tamén se decidiu outorgar unha mención especial ao profesor Paolo Caucci.

Comparte