Nova: A Xunta convoca para este domingo unha visita guiada ao xacemento do Preguntoiro, en Pantón
05/12/2024
A Xunta convoca para este domingo unha visita guiada ao xacemento do Preguntoiro, en Pantón
Vén de rematar a cuarta campaña de escavacións, que permitiu descubrir novos enterramentos e consolidar as ruínas da antiga capela de San Xoán Degolado
Pantón (Lugo), 5 de decembro de 2024
A Xunta de Galicia organiza para este domingo, día 8, unha visita guiada ao xacemento medieval do Preguntoiro, en Pantón, como remate da cuarta campaña arqueolóxica que se veu desenvolvendo nos últimos meses. A participación é totalmente gratuíta e non precisa inscrición previa. As persoas interesadas reuniranse ás 11.30 horas da mañá no lavadoiro de Cibrisqueiros.
Os arqueólogos encargados das escavacións explicarán aspectos sobre a súa orixe e evolución e darán a coñecer o resultado dos últimos traballos, que permitiron descubrir novos enterramentos e consolidar as ruínas da antiga capela de San Xoán Degolado.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude leva investidos neste xacemento preto de 80.000 euros desde o ano 2021. Os elementos histórico-arqueolóxicos apuntan á súa vinculación coas orixes cristiáns e a fundación dos primeiros mosteiros na Ribeira Sacra na alta Idade Media. En concreto, considérase un eremitorio que daría orixe ao mosteiro de San Vicenzo de Pombeiro, do que dista apenas un quilómetro.
A intervención persegue favorecer a conservación deste ben patrimonial e a súa revalorización como recurso turístico e cultural no marco da paisaxe da Ribeira Sacra, mellorando a súa visibilidade, accesibilidade e comprensión.