Nova: López Campos defende a contribución dos certames literarios para impulsar o prestixio e uso do galego

10/12/2024

López Campos defende a contribución dos certames literarios para impulsar o prestixio e uso do galego

O representante da Xunta enxalza “a alta calidade da creación literaria en galego” e considera que o recoñecemento en forma de premios “alenta un maior emprego”

Salienta que editoriais e entidades privadas son “aliadas imprescindibles” no traballo a prol do galego co que está comprometido o Goberno galego

Destaca a “consolidada e premiada traxectoria” do galardoado, do que pon en valor o emprego da nosa lingua en todas as súas obras

Desde a súa orixe en 2006, téñense presentado a este certame case 600 textos na nosa lingua

A Coruña, 10 de decembro 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, defendeu hoxe a “relevante contribución” dos certames literarios en galego para “prestixiar á nosa lingua o que, consecuentemente, acaba repercutindo nun maior uso social”. Así o destacou na entrega na Coruña do XIII Premio Narrativa Breve Repsol a Alberto Ramos pola obra Pirotecnia, nun acto no que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e polo secretario xeral da Lingua, Valentín García.

López Campos salientou a “calidade creativa” de Alberto Ramos, de quen apuntou que con este premio “engade un novo e merecido recoñecemento á súa ampla e xa consolidada e galardoada traxectoria, sempre en galego”. Por estes motivos, incidiu en situar os certames literarios como “unha das formas máis eficaces, pola súa repercusión social, en alentar un maior uso do noso idioma.”

Precisamente, lembrou que “alta calidade dos nosos autores e autoras” está sendo galardoada non só no panorama literario de Galicia, senón tamén fóra da Comunidade, en referencia ao amplo número de Premios Nacionais que teñen recaído en escritores e escritoras galegas por obras na nosa lingua, entre os que citou os máis recentes deste mesmo ano como Chus Pato ou Manuel Rivas.

“O galego é un dos grandes tesouros do noso patrimonio, piar indiscutible da nosa identidade diferencial”, enxalzou o responsable de Cultura do Goberno galego, quen avogou pola implicación de todos os sectores, colectivos e entidades xunto coa Administración autonómica no traballo a prol da súa preservación e dun maior uso social.

Precisamente, neste labor considerou “aliadas imprescindibles” ás editoriais e entidades privadas que impulsan iniciativas e premios que contribúen a este fin, “xa que evidencian a potencialidade dos nosos creadores e do noso idioma”.

Nesta liña, tamén fixo especial fincapé no “compromiso total e inequívoco” do Goberno galego. Así, lembrou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vai pór en marcha un plan con  50 medidas de carácter inmediato para impulsar para o fomento do uso do galego en todos os ámbitos sociais, especialmente con accións dirixidas a tirar un maior proveito do potencial dos neofalantes; atraer ao emprego da nosa lingua os novos galegos, provenientes doutros países; e tamén en incrementar a presenza do noso  idioma nas tecnoloxías e aplicacións máis empregadas polas xeracións máis novas, “que teñen máis que demostrado un alto nivel competencial en galego, pero entre as que queremos fornecer un maior uso social do noso idioma”.

Case 600 obras presentadas desde 2006

O Premio Narrativa Breve foi creado no ano 2006 e vertebrado de forma conxunta polo complexo industrial Repsol da Coruña e a Xunta de Galicia. No ano 2010, Fundación Repsol toma o relevo do impulso do certame que conta, desde o seu inicio, coa colaboración da Editorial Galaxia e co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Esta última contou con 40 novelas curtas presentadas ao premio que, desde os seus comezos, suma case 600 obras orixinais en lingua galega.

O gañador

Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986) licenciouse en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela en 2009. Iniciou a súa traxectoria profesional na sección de cultura no diario Xornal de Galicia. Tras o peche da cabeceira, continuou a súa carreira como colaborador en medios como Praza, Nós Diario ou Luzes e especializouse na comunicación de iniciativas culturais.

Iniciouse na crítica literaria en 2006 con Dor pantasma, título co que acadou o premio Biblos-Pazos de Galicia de novela. En 2009 gañou o Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia coa obra Con acuse de recibo. Fíxose co premio de creación literaria Vicente Risco en dúas ocasións: en 2012 con Todos os días e no 2018 con A simetría das bestas.

A súa novela Máscaras rotas para Sebastián Nell foi merecedora do Premio García Barros en 2014. En 2022 publicou Os corpos de Romanov, título galardoado co Premio Narrativa Breve Repsol. En 2023, acadou o premio Rafael Dieste de textos teatrais coa obra Conxo, no restraint.

Comparte