Nova: A Biblioteca Pública da Xunta en Lugo abre a mostra ‘Toma castaña Galicia’, adicada aos principais soutos e castiñeiros da comunidade
13/12/2024
A Biblioteca Pública da Xunta en Lugo abre a mostra ‘Toma castaña Galicia’, adicada aos principais soutos e castiñeiros da comunidade
Lugo, 13 de decembro de 2024
A Biblioteca Pública de Lugo, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, inaugurou a mostra Toma castaña Galicia, que reúne fotografías dalgúns dos soutos e castiñeiros máis coñecidos e destacables da Comunidade.
A exposición, organizada pola Xunta, recolle imaxes e información sobre os 22 exemplares e formacións de castiñeiros incluídos no Catálogo de árbores senlleiras de Galicia. As fotografías están acompañadas dunha maqueta que recrea un souto. A mostra foi inaugurada na Casa de Galicia en Madrid, onde rexistrou case un milleiro de visitas, e agora está itinerando por distintas cidades.
O obxectivo é poñer en valor a riqueza do patrimonio natural galego e dos tesouros que albergan os bosques da Comunidade. Na inauguración participaron os directores territoriais das consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e de Cultura, Lingua e Xuventude, Jesús Montouto e Manuel Fernández, respectivamente; ademais da directora da Biblioteca, María Isabel Pérez Fórneas, entre outras persoas.