Nova: A Xunta presenta un distintivo que reforza a imaxe do Sistema Galego de Centros Museísticos

13/12/2024

A Xunta presenta un distintivo que reforza a imaxe do Sistema Galego de Centros Museísticos

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destaca que “se fortalece a identidade dos equipamentos e se impulsa a súa proxección social”

A súa creación enmárcase no decreto para regular a creación, transformación e disolución destes equipamentos que abre hoxe o proceso de consulta pública

A norma tamén inclúe dous modelos de Plan museolóxico e o desenvolvemento do Rexistro Xeral de Centros Museísticos

Con este texto, apunta o representante do Goberno galego, “dótase ao sector de maior seguridade xurídica e máis visibilización”

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a imaxe identificativa do Sistema Galego de Centros Museísticos coa que, explicou, “pretendemos que as entidades integradas neste sistema gocen dun distintivo que as diferencie e as poña en valor”.

Tal e como lembrou o representante da Xunta, trátase dun recurso moi demandado polo sector que distinguirá aos museos, coleccións museográficas ou centros interpretativos doutros centros que igualmente desenvolvan unha actividade cultural pero non teñan esta condición. Así, apuntou, “tratamos de unificar a imaxe dos equipamentos do sistema, fortalecer a súa identidade e impulsar deste xeito a súa proxección social”.

Ademais, o responsable de Cultura do Goberno galego sinalou que a creación deste distintivo enmárcase na posta en marcha do decreto, en fase de consulta pública desde hoxe, que facilitará o procedemento de creación, transformación e disolución dos centros museísticos radicados en territorio galego e que sexan de titularidade allea á Comunidade Autónoma.

Neste senso, outra das novidades que inclúe o texto é que regulará dous modelos de Plan museolóxico segundo o carácter da institución e tendo en conta as áreas funcionais do centro. Así, haberá un para os museos, diferenciados pola súa área de documentación, conservación e investigación, e outro para coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural que contarán cos contidos axeitados ás súas categorías.

Ao abeiro do decreto tamén se desenvolverá o Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia, un instrumento adscrito á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao que se incorporarán as entidades creadas no marco da lei. Outro dos seus puntos importantes é que segue a liña marcada pola Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que entrará en vigor nos vindeiros días, recollendo indicacións específicas enfocadas á eliminación de barreiras físicas ou cognitivas que garantan o acceso universal á cultura.

Maior visibilización e seguridade xurídica

O conselleiro de Cultura afirmou que “a posta en marcha desta norma suporá unha maior seguridade xurídica para o sector e a axilización no proceso de cualificación dos centros”, que se normalizará a través da tramitación electrónica. Facilítase así a incorporación ao sistema de entidades que dispoñen do potencial necesario para ser integradas no mesmo. Neste escenario, puntualizou López Campos, preténdese “mellorar a visibilización e o control sobre o patrimonio cultural custodiado nas distintas institucións, que repercutirá nunha maior difusión e no incremento de oportunidades para acceder ao coñecemento por parte da poboación”.

A nova regulación tamén terá un impacto directo a nivel social xa que, ademais de fomentar a universalización do acceso á cultura, será unha ferramenta de dinamización e cohesión e incidirá en aspectos como a xeración de emprego ou a potenciación do turismo.

Cómpre destacar que o Sistema Galego de Centros Museísticos, nos que se inclúen os de titularidade da Xunta rexidos por un decreto propio, conta na actualidade con 69 museos coa incorporación recente do Museo do Videoxogo de Cangas, aos que hai que sumar 20 coleccións museográficas. Ademais, desde o mes de xaneiro deste ano mostraron o seu interese por integrarse neste sistema un total de 14 entidades.

Antecedentes

A creación deste decreto está recollido na Lei de museos de 2021 que dotou este ámbito dun marco xurídico propio. Ata ese ano Galicia non contou cunha norma que regulase de forma específica e ampla os museos, así como outro tipo de realidades museísticas propias da Comunidade tales como as coleccións museográficas ou os centros de interpretación do patrimonio cultural.

Esa lei, ao abeiro da que xorde a tramitación deste decreto, foi polo tanto a primeira nesta materia aprobada en Galicia. Naceu para dar resposta a todas aquelas cuestións que tiñan que ver coa xestión deste tipo de recursos, contribuíndo a ordenar e potenciar o sector, recoñecéndolle tamén aos centros novas funcións no eido social, pedagóxico ou da investigación. A súa entrada en vigor propiciou un crecente interese por parte das entidades que desenvolven actividade museística por integrarse no Sistema e, como consecuencia, a posibilidade de contar cunha rede máis estable e organizada, con maior repercusión na sociedade.

Comparte