Nova: López Campos enxalza a Acisclo Manzano como “un dos artífices da renovación da arte galega”

13/12/2024

López Campos enxalza a Acisclo Manzano como “un dos artífices da renovación da arte galega”

O representante de Cultura da Xunta erixe o escultor como un “gran referente” para as novas xeracións de creadores da Comunidade

Destaca o “papel dinamizador cultural” que supón este centro museístico para a cidade do Lérez

Avanza o papel relevante do Museo do Pontevedra na celebración en 2025 do Ano Castelao “ao ser o que maior colección de obras posúe do intelectual galeguista”

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou hoxe o escultor Acisclo Manzano como “un dos artífices da renovación da arte galega”. Fíxoo na inauguración da mostra homenaxe no Museo de Pontevedra que percorre, a través de 66 pezas, máis de medio século do seu labor artístico.

O titular de Cultura do Goberno galego gabou a traxectoria internacional do artista ourensán, ao que situou como “un dos máximos representantes da escultura actual”. Ademais, puxo en valor o feito de que, “a pesar desta bagaxe por medio mundo, Galicia e a súa cultura mantéñense sempre moi presentes”, en referencia ás temáticas que  reflicten a mostra que leva por título Acisclo en 66 obras.

 “Non podía ser doutro xeito se temos presente que sempre estiveches vencellado a grandes nomes da nosa cultura”, aseverou o conselleiro ao artista, presente na inauguración da mostra. Neste senso, López Campos fixo referencia á relación de Acisclo Manzano con Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas ou Eduardo Blanco Amor. “Con estes referentes, e tendo unha especial predilección pola obra do Mestre Mateo, Galicia non podía estar allea nas túas esculturas”, asegurou.

Ao respecto, salientou o “espírito galeguista e o compromiso social e cultural” que impregna as creacións deste artista ao longo da súa traxectoria e que o teñen convertido “nun gran referente para as novas xeracións de artistas”. Por este motivo, celebrou que o Museo de Pontevedra promova esta exposición “a modo dunha merecida homenaxe”.

O Museo de Pontevedra no Ano Castelao

Precisamente, López Campos tirou proveito da súa intervención para facer fincapé no “importante axente de dinamizador cultural” no que se ten convertido o Museo de Pontevedra para a cidade do Lérez e avanzou un “papel relevante” para esta entidade museística no Ano Castelao que o Goberno galego pretende que se celebre en 2025, “tendo en conta que esta institución alberga a maior colección de obras do ilustre intelectual galeguista”.

“Agardo que o próximo ano, no que se cumpre o 75 aniversario do seu pasamento, sexa declarado Ano Castelao, tal e como propuxen”, apuntou o representante de Cultura da Xunta, quen considerou que sería unha “boa ocasión” para celebrar “o moito que une” ao conxunto do pobo galego “e facelo ao redor dunha figura clave da cultura e identidade de Galicia e permitiría tamén prestixiar a nosa lingua”, concluíu.

Comparte