Nova: López Campos visita o local que cederá para uso cultural ao grupo Traxandaina
14/12/2024
López Campos visita o local que cederá para uso cultural ao grupo Traxandaina
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude destaca “o compromiso do Goberno galego cos proxectos que achegan a nosa historia e cultura á sociedade”
O edificio, de titularidade autonómica, está a ser rehabilitado para o desenvolvemento das actividades desta asociación
A posta en valor da vestimenta tradicional galega é unha das propostas para o inmoble
Lugo, 14 de decembro de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou en Lugo os traballos de rehabilitación que se están a desenvolver no edificio que a Xunta cederá para uso cultural ao Grupo Etnográfico Traxandaina cumprindo así “co compromiso do Goberno galego para facilitar o desenvolvemento de proxectos que achegan a nosa historia e cultura á sociedade”.
O representante do Executivo autonómico, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, puido coñecer de primeira man como se está a desenvolver a actuación e os distintos espazos nos que nun futuro se asentará a iniciativa desta asociación, coa que hai uns meses López Campos explorou vías de colaboración para a posta en valor da vestimenta e traxes tradicionais que forman parte da historia dos galegos e galegas.
No horizonte desta entidade sen ánimo de lucro que traballa en prol da investigación, conservación e difusión do coñecemento sobre a vestimenta e tradición galegas está recrear o bo facer de xeracións pasadas mantendo viva a tradición e compartindo esta sabedoría a través de varias accións como eventos, exposicións e actividades educativas.