Nova: A Xunta ofrece 13 espectáculos en Ames a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

16/12/2024

A Xunta ofrece 13 espectáculos en Ames a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Nas casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns poderán verse a partir de xaneiro as últimas propostas, entre outras, de Sarabela Teatro, Berrobambán, Excéntricas ou Ibuprofeno Teatro, todas elas con apoio do Goberno galego á creación escénica

A carteleira tamén ofrece espectáculos de danza como ‘Dance Join’, o novo traballo que Marta Alonso Tejada estreará en marzo con subvención autonómica

Ames (A Coruña), 16 de decembro de 2024

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos promovido e cofinanciado pola Xunta en colaboración coas 40 entidades locais asociadas, ofrecerá en Ames 13 funcións doutros tantos espectáculos de artes escénicas de distintos xéneros e formatos, que se distribuirán entre os escenarios de Bertamiráns e do Milladoiro entre xaneiro e maio de 2025.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá no Auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns na presentación desta carteleira, que se estende de xaneiro a maio de 2025.

Na súa intervención, destacou “a importancia da colaboración entre as institucións para ofrecer unha selección de espectáculos de artes escénicas producidos en Galicia e de calidade, avalados todos eles polas subvencións á creación escénica da Xunta”. Son os casos de 10 das 13 propostas que se inclúen na programación, apoiadas a través das convocatoria de 2024 e de anos anteriores destas axudas. Trátase de As desterradas, texto escrito por Carme Varela e gañador do Premio Álvaro Cunqueiro en 2020 que agora leva ás táboas Producións Teatrais Excéntricas; Reconversión, de Ibuprofeno; Mulleres que viven soas, de Berrobambán; O dragón de ouro, de Sarabela; Entrega en man, de Contraproducións; e Un deus salvaxe, de Talía; na categoría de teatro; Dance Join, de Marta Alonso Tejada, no ámbito da danza; Kyoki, de Elefante Elegante; dentro da modalidade de apoio plurianual; e Tromso de Morraoconto, e Cortello de amor, de Amorodio Teatro, no apartado específico para impulsar os traballos de compañías de nova creación.

Un semestre para gozar das novidades escénicas

A programación amesá, arranca o 17 de xaneiro coa función de O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, na Casa da Cultura do Milladoiro. No mesmo espazo, o día 31 será a quenda do espectáculo dirixido a público familiar Kyoki, de Elefante Elegante, e en Bertamiráns representarase po mesmo día Entrega en Man, de Contraproducións.

En febreiro, o público de Ames poderá ver no Milladoiro Cortello de amor, de Amorodio Teatro (día 7); e Compaña, unha proposta de novo circo de Xampatito Pato (día 21). Xa en marzo, nese mesmo escenario Marta Alonso Tejada estreará a súa peza Dance Join (día 20) e Morraoconto presentará Tromso (día 21), mentres que en Bertamiráns se subirán ao escenario Un deus salvaxe, de Talía Teatro (día 7), Renconversión, de Ibuprofeno Teatro (día 14) e As desterradas, de Excéntricas (día 18). No mes de abril, a programación volve ao Milladoiro co monólogo O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, de ButacaZero, escrito e intepretado por Esther F. Carrodeguas (día 4); e Pioneiras, de iXa, unha compañía de danza con identidade mixta entre Galicia, Euskadi e Navarra que traballa para chegar a públicos non especialistas, propoñendo dramaturxias accesibles (día 25). O programa do primeiro semestre de 2025 pecharase o 16 de maio en Bertamiráns coa representación de Mulleres que viven soas, de Berrobambán e con dramaturxia de Paula Carballeira.

Máis de 550 representacións en 2024

A Rede Galega de Teatros e Auditorios programou 555 actuacións de teatro, danza, maxia, circo e música nunha corentena de localidades das catro provincias galegas neste 2024, cun orzamento de preto de 2.000.000 de euros. Este investimento destinouse integramente á contratación das 172 formacións artísticas profesionais, galegas na súa meirande parte, que lle dan forma a esta carteleira ao longo de todo o ano. 

Nestes momentos estase a pechar de xeito coordinado as programacións dos máis de 40 escenarios asociados nas catro provincias. Este calendario cultural desenvolverase de xaneiro a xuño de 2025 e constitúen no seu conxunto un destacado mercado interior para a distribución de espectáculos producidos polas compañías profesionais galegas.

Comparte