Nova: A Xunta convoca 870.000 € en axudas á creación escénica para a produción de novos espectáculos galegos
17/12/2024
A Xunta convoca 870.000 € en axudas á creación escénica para a produción de novos espectáculos galegos
As bases publicadas no DOG contemplan un incremento do 8,7 % para reforzar a modalidade destinada a proxectos plurianuais de compañías de recoñecida traxectoria
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude avanza na publicación das convocatorias inseridas no programa de subvencións ás industrias culturais para 2025
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2024
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude avanza na publicación das convocatorias correspondentes ao programa anual de subvencións ás industrias culturais galegas para 2025, no marco do que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases das axudas á creación escénica. Esta liña anual de apoio ao sector que aglutina teatro, danza, circo e maxia aumenta nun 8,7 % respecto a 2024, situándose nos 870.000 euros.
Con este investimento, a Xunta contribuirá á produción de novos espectáculos galegos, reforzando especialmente a modalidade para proxectos plurianuais de compañías que contan xa cunha traxectoria consolidada. Esta categoría disporá de 300.000 euros, 100.000 euros máis que este ano, para potenciar o traballo a medio prazo e a continuidade dos equipos e proxectos de empresas escénicas cunha traxectoria de cando menos 10 anos e unha solidez acreditada. Poderán subvencionarse ata tres proxectos para o trienio 2025-2027, un máis que na convocatoria anterior, cun máximo de 100.000 euros cada un e un límite do 80 % sobre o orzamento subvencionable.
Outros 400.000 euros destínanse a novas producións de teatro, circo e maxia, que poden acadar axudas de ata un 75 % do seu orzamento, cun límite de 60.000 euros por espectáculo. Pola súa banda, as propostas de danza e artes do movemento contan con 100.000 euros, tamén cun límite do 75 % do orzamento e 37.500 euros por proxecto. Para as empresas de nova creación, a convocatoria reserva unha partida de 70.000 euros cun máximo de 20.000 euros por adxudicación e ata un apoio máximo do 90 % sobre o orzamento presentado.
Solicitudes ata o 17 de xaneiro
O prazo de solicitude destas axudas na sede electrónica da Xunta de Galicia é dun mes, contado desde mañá e ata o vindeiro 17 de xaneiro. Para a súa concesión, en réxime de concorrencia competitiva, teranse en conta criterios técnicos e artísticos, relacionados tanto coa traxectoria, solvencia económica e capacidade de emprego, produción e distribución da empresa como coas características concretas do proxecto presentado.
A través delas, este mesmo ano adxudicáronse os 800.000 euros convocados a 29 compañías escénicas galegas para a creación e produción de novas montaxes que integran xa a oferta cultural da nosa Comunidade.
Xestionada pola Axencia Galega das Industrias Culturais, a convocatoria para creación escénica é a principal das liñas de subvencións da Xunta ao sector galego das artes escénicas, que en 2025 tamén contará, entre outras, con convocatorias específicas para a programación das salas privadas, a organización de festivais, a distribución de espectáculos e a contratación de compañías galegas mediante o programa Cultura no Camiño.