Nova: A Cidade da Cultura e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia abren vías de colaboración para avanzar na accesibilidade ás mostras do Gaiás

22/12/2024

A Cidade da Cultura e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia abren vías de colaboración para avanzar na accesibilidade ás mostras do Gaiás

Un grupo de persoas xordas e xordo-cegas visitou a exposición ‘Unha vida viquinga’ co apoio de intérpretes en lingua de signos e a aplicación móbil da mostra

Esta ‘app’ está concibida para facilitar a visita á mostra aproveitando a función de xeolocalización dos dispositivos móbiles e inclúe explicacións en lingua de signos sobre puntos de interese no percorrido, ademais de audio e texto en tres idiomas

En consonancia coas prioridades fixadas pola Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, o Gaiás traballa nun abano de medidas encamiñadas a facer da Cidade da Cultura un equipamento público accesible e aberto a todos os colectivos

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2024

A Cidade da Cultura e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia traballan en abrir novas vías de colaboración que contribúan a unha programación cultural inclusiva e accesible a toda a cidadanía. Neste sentido, un grupo de persoas xordas e xordo-cegas visitou a exposición Unha vida viquinga, co apoio de intérpretes en lingua de signos e da aplicación móbil de guiado da mostra.

Esta ferramenta aproveita a funcionalidade de xeolocalización dos dispositivos móbiles determinando en que punto da sala está a persoa visitante. En función disto, amosa información sobre as pezas que se exhiben ou os puntos de interese máis próximos, de cara a gozar dunha visita máis completa coa incorporación de explicacións en lingua de signos, audios e texto en tres idiomas.

Trátase dun recurso dispoñible polo momento para a mostra Unha vida viquinga a través do repositorio web de aplicacións móbiles da Xunta de Galicia, e das principais plataformas de descarga de aplicacións, Google Play para dispositivos Android, e App Store para dispositivos iOs.

Na visita, organizada en colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG), participaron a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e a presidenta da Federación, María Alonso. Supuxo ademais a oportunidade de coñecer de primeira man as necesidades dos colectivos de persoas usuarias, de cara a traballar na mellora das funcionalidades desta aplicación e tamén da propia experiencia de visita e participación no programa cultural do Gaiás.

Unha cultura máis inclusiva e accesible

O desenvolvemento desta aplicación encádrase dentro das medidas promovidas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para traballar por unha cultura máis inclusiva e accesible en Galicia. Nesta liña, na Cidade da Cultura estanse a desenvolver  iniciativas como o emprego de mochilas con vibración para mellorar a experiencia musical de persoas xordas ou con perda auditiva, a realización en datas puntuais de visitas guiadas ás exposicións na modalidade de lingua de signos, ou o emprego nas visitas guiadas regulares de auriculares de bucle magnético, que melloran a experiencia auditiva de persoas que empregan audífonos.

O proxecto do Galiverso no corazón da pedra é outra das propostas para achegar o patrimonio cultural a toda a cidadanía dun xeito universal e inclusivo, permitindo entrar sen risco, da man da realidade virtual, en espazos inaccesibles como a cova de Eirós, cos seus gravados e pinturas rupestres, e nalgunhas das salas máis espectaculares da cova do Rei Cintolo. A instalación incorpora tamén auriculares de vía ósea e de bucle magnético para que as persoas con dispositivos de audición poidan escoitar as instrucións coa mellor experiencia posible.

Tamén en consonancia coas prioridades fixadas pola Xunta de Galicia na recentemente aprobada Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, a Fundación Cidade da Cultura está a traballar nun amplo abano de medidas encamiñadas a facer do Gaiás unha referencia de equipamento cultural público aberto a todos os colectivos.

Comparte