Nova: Vaca Films remata a gravación da longametraxe ‘Dímelo bajito’, rodada en Galicia co apoio da Xunta

23/12/2024

Vaca Films remata a gravación da longametraxe ‘Dímelo bajito’, rodada en Galicia co apoio da Xunta

O proxecto recibe unha achega de 300.000 euros a través do fondo para a atracción de rodaxes, dotado polo Goberno galego con 2M€ para a súa convocatoria de 2024

Dirixida por Denis Rovira, a fita leva á pantalla un guión de Jaime Vaca a partir da novela de Mercedes Ron e estrearase en Prime Video en 2025

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2024

A produtora coruñesa Vaca Films rematou en Galicia a gravación da película Dímelo bajito, despois de sete semanas de traballo en diferentes espazos da Coruña e Lugo que serven de localizacións para esta longametraxe producida para a plataforma Prime Video e que conta cunha achega de 300.000 euros do fondo de atracción de rodaxes convocado pola Xunta.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, compartiu co equipo da película unha das últimas xornadas de filmación no set instalado no encoro das Forcadas, no municipio de Valdoviño. Esta é unha das paraxes que acolle as escenas da  película xunto a contornas naturais como as Fragas do Eume, o Bosque de Ledoño-Celas de Peiro, a presa de Cecebre e outros espazos en vilas das provincias da Coruña e Lugo, como Bergondo, Outes, Perbes, Ourol ou Viveiro.

Con dirección de Denis Rovira, Dímelo bajito é un guión de Jaime Vaca sobre a novela homónima de Mercedes Ron. Alicia Falcó, Fernando Líndez e Diego Vidales protagonizan este drama de personaxes cun elenco que completan Patricia Vico, Andrés Velencoso, Eve Ryan, Fernando Nagore e mais a galega Celia Freijeiro, entre outros. A súa estrea está prevista en Prime Video en 2025.

O apoio do Goberno galego ao proxecto materialízase a través da liña de axudas para a atracción de rodaxes, cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027. Na súa convocatoria de 2024, este fondo conta cunha dotación de 2.000.000 euros co obxectivo de impulsar a proxección do noso territorio como plató de producións audiovisuais lideradas tanto por empresas galegas como do resto de España e Europa. Ao tempo, garántese un gasto mínimo no territorio galego por cada proxecto subvencionado, que se sitúa en 1.000.000 de euros no caso das produtoras galegas e en 1.500.000 euros no das foráneas. Ademais de Dímelo bajito, as rodaxes das longas Romería e Rondallas, e das series Garbo e Marusía acadaron xa tamén financiamento a través desta canle.

Comparte