Nova: A XUNTA REFORZA CON PRETO DE 1,3 M€ A EDICIÓN DE 2025 DO ‘XUVENTUDE MENTORING NA EMPRESA’
28/12/2024
A XUNTA REFORZA CON PRETO DE 1,3 M€ A EDICIÓN DE 2025 DO ‘XUVENTUDE MENTORING NA EMPRESA’
- O Goberno galego continúa coa terceira edición desta iniciativa que facilita prácticas laborais para que a mocidade reforce as súas competencias
- O Consello dá luz verde ao acordo para regular a concesión de subvencións a aqueles entes que xestionarán estas estadías e á realización de pagos anticipados
- Poden solicitar as axudas, cun importe máximo de 100.000€ por proxecto, entidades privadas sen ánimo de lucro, concellos e organismos dependentes destes
- As bolsas de formación están destinadas a persoas de entre 18 e 30 anos inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e empadroadas na Comunidade
- Na edición actual, que se está a desenvolver, participan 147 persoas repartidas en 96 empresas
A Xunta de Galicia reforzará con preto de 1,3 M€ o programa Xuventude Mentoring na Empresa en 2025 para facilitar estadías formativas para a mocidade en empresas ou entidades públicas e privadas vinculadas con sectores económicos estratéxicos para Galicia. Así se deu conta na reunión do Consello na que se presentou o proxecto de acordo para regular as subvencións a aqueles entes interesados en sumarse á iniciativa na súa terceira edición e que poderán solicitar o pagamento anticipado do 80% da subvención concedida.
Así, ao abeiro desta proposta, que pretende favorecer o emprego xuvenil e reforzar as habilidades e competencias profesionais entre os mozos e mozas, as entidades poderán solicitar axudas de ata 100.000€ por programa para acoller a persoas en prácticas. Poderán participar na convocatoria aquelas entidades privadas sen ánimo de lucro domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea e que desenvolvan a súa actividade na Comunidade no eido da mocidade e o emprego. Tamén está aberta aos concellos galegos, mancomunidades de municipios ou órganos públicos dependentes destes. As axudas irán destinadas a sufragar distintos gastos, desde o persoal ao deseño de materiais.
Pola súa banda, a esta formación remunerada, polas que se percibirá unha bolsa dun mínimo de 661,50€ mensuais, poderán acceder os mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que estean inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito de Galicia.
Con este programa a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude traballa por achegar á mocidade os apoios necesarios para a súa transición á vida laboral despois dos seus estudos, potenciando a educación non formal, creando un ecosistema favorable á creación de oportunidades e favorecendo a captación e retención de talento en sectores económicos claves para Galicia (aeronáutica, agroalimentación, biotecnoloxía, automoción, enerxías renovables, madeira, metalmecánico, naval, pedra natural, téxtil, tecnoloxías da información e da comunicación).
Así, a través de Xuventude Mentoring na Empresa 2025 financiaranse proxectos de entidades que acollan entre 8 e 12 persoas mozas durante 3 ou 4 meses consecutivos e cun mínimo de 100 horas formativas ao mes.
Desenvolvemento do programa
Na primeira edición do programa beneficiáronse das axudas preto de 60 empresas que ofertaron un total de 170 prazas para as estadías de formación da mocidade galega, conseguindo unha porcentaxe de inserción laboral do 30% ao finalizar a experiencia. Na edición actual, que se está a desenvolver, participan 147 persoas repartidas en 96 entidades.
As axudas desta iniciativa, que se canalizan a través da Xunta, están cofinanciadas nunha porcentaxe do 60% pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. Cómpre lembrar que tras a convocatoria e resolución da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coas propostas subvencionadas, correspóndelle ás entidades e concellos beneficiarios a súa posta en marcha. Así, como promotores do Xuventude Mentoring na Empresa serán os encargados de seleccionar ás persoas participantes e destinalas aos centros de traballo que se considere.
O período de solicitude das subvencións por parte das entidades comezará ao día seguinte da publicación das bases no Diario Oficial de Galicia e estenderase ata o 15 de novembro de 2025.