Nova: Apertura da Feira do Libro de Santiago cun amplo programa de actividades

01/05/2015

Apertura da Feira do Libro de Santiago cun amplo programa de actividades

Do 1 ao 10 de maio, a Alameda de Santiago de Compostela acollerá a nova edición desta cita anual con máis de 20 presentacións e sinaturas de obras por parte de autores

Santiago, 1 de maio de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na apertura da Feira do Libro de Santiago de Compostela, a terceira cita do calendario de doce feiras nas catro provincias galegas que este ano promoven, en colaboración, o departamento de Cultura da Xunta e a Federación de Librarías de Galicia. Neste marco, Rodríguez González salientou a profesionalidade dos libreiros e o seu claro compromiso coa evolución da cultura galega, manifestado no traballo que realizan coa organización deste tipo de iniciativas.

O conselleiro quixo, asemade, lembrar a figura de Xosé Filgueira Valverde, a quen se lle dedica o 17 deste mes o Día das Letras. Neste sentido, Román Rodríguez puxo en valor o labor do pontevedrés e sinalou o lugar especial que merece a súa lembranza como un dos impulsores de Galicia.

Desde hoxe ata o 10 de maio, o paseo central da Alameda de Santiago de Compostela acolle as 11 casetas desta edición, nas que se desenvolverá un completo programa de actividades para todos os públicos, ademais das habituais presentacións de novidades editoriais. Por outro lado, como vén sendo habitual, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal - xestionada pola Consellería de Cultura e Educación- conta cun espazo propio na feira no que dá a coñecer a súa colección e os servizos que ten ao dispor da cidadanía, ademais de lles ofrecer aos visitantes a posibilidade de facerse socio da biblioteca na mesma feira. A participación da biblioteca complétase coa realización de actividades de promoción da lectura para o público máis novo.

Na apertura do evento participaron, asemade, o alcalde de Santiago, Agustín Hernández; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, Antón Pedreira; e o escritor Manuel Portas, responsable do pregón. A feira de Santiago abrirá en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 21:30 horas. Nas xornadas festivas e de fin de semana, o horario da mañá prolongarase ata as 14:30 horas.

Programación
No marco da feira compostelá celebraranse presentacións e sinaturas de obras por parte de autores como Manuel Portas, Fernando Franjo, Xosé M. Lobato, Manuel Núñez Singala, María López Sandez, Concha Blanco, Dani Padrón, Alfredo E. Fuertes, Xurxo Souto, Séchu Sende, Alejandro Mínguez, Xosé Ramón Freixeiro Mato, María Xosé Queizán, Antonio Reigosa, Mercedes Leobalde, Elena Gallego, Lucio Martínez, Fran P. Lorenzo, Carlos Labraña, Andrea Barreira Freije, Jimena Manzano Moltó, Joel Gómez, Alfonso Vázquez Monxardín ou Patricia Chachero, entre outros autores.

Ademais celebrarase un taller de braille, da man da ONCE, un contacontos en linguaxe de signos, organizado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, e encontros cos clubes de lectura do IES de Outes e do Centro Sociocultural do Ensanche, entre outras actividades. A programación completarase con diversos obradoiros para os máis novos da casa, entre outras actividades.

As Feiras do Libro de Galicia 2015
Baixo o lema ‘A historia en letras’, en homenaxe ao escritor, historiador e profesor Xosé Filgueira Valverde –ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o 17 de maio–, as Feiras do Libro de Galicia percorren este ano un total de 12 concellos das catro provincias galegas.

Logo do seu paso por Santiago, do 12 ao 17 de maio as feiras chegarán ata Lugo, para, a continuación, viaxar a Ourense do 2 ao 7 de xuño. Xa no verán, a primeira cita será en Vigo, do 3 ao 12 de xullo, para despois continuar nese mesmo mes por Ribeira, do 16 ao 19, e mais por Rianxo, do 23 ao 26. No mes de agosto regresará a feira do libro da Coruña, que se celebrará do día 1 ao 10. A continuación, a provincia lucense acollerá as tres últimas citas deste ano, nos concellos de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 20 ao 23; e, finalmente, de Monforte de Lemos, onde terá lugar do día 26 ao 29. As feiras pasaron tamén neste 2015 por Pontevedra e por Ferrol.
 

Comparte