Nova: A Delegación da Xunta en Lugo acolle unha mostra coas 14 obras presentadas ao certame galego de arte ‘José Domínguez Guizán’

27/12/2024

A Delegación da Xunta en Lugo acolle unha mostra coas 14 obras presentadas ao certame galego de arte ‘José Domínguez Guizán’

O primeiro premio do concurso, convocado ao abeiro da convocatoria O Nadal en Begonte, recaeu na obra ‘Sistouza’ de Eduardo Pérez Baamonde. 

Lugo, 27 de decembro de 2024

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a reunión do xurado do XXXV Certame Galego de Arte ‘José Domínguez Guizán’, coincidindo coa inauguración da exposición que amosa as 14 obras presentadas ao concurso, organizado ao abeiro da convocatoria O Nadal en Begonte.

O xurado formado pola directora da Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro; a concelleira de Cultura do Concello de Begonte e membro da directiva do Belén, Sonia Varela; e o artista Gonzalo Sánchez Folgueira ‘Zalo’, decidiu outorgar o primeiro premio -dotado con 2.000 euros e un trofeo- á obra ‘Sistouza’ de Eduardo Pérez Baamonde, natural de Vilalba. 

A primeira Mención de Honra foi para Manuel Carballeira Rivas, de Cospeito, pola súa obra ‘Río dourado’, e a segunda para Miguel Torre, do Incio, con ‘Brisa del Cantábrico’. A Mención especial do xurado recaeu na obra ‘Vista de la Rinconada y la Catedral’ de José Luis Mendaña ‘Cubi’.

A mostra coa totalidade das obras presentadas ao certame poderase visitar na sala de exposicións da Delegación Territorial ata o vindeiro 13 de xaneiro. A entrega de premios terá lugar no centro cultural de Begonte o día 1 de febreiro, coincidindo coa clausura do Belén.

A inauguración da mostra contou tamén coa presenza do delegado territorial de Lugo, Javier Arias; o presidente do centro cultural José Domínguez Guizán, Xulio Xiz; e familiares de Manuel Gulín Rodríguez, a quen se dedicou este ano o certame de arte, en recoñecemento ás tres décadas nas que participou no mesmo como membro do xurado.

Comparte