Nova: A Xunta achega a actividade cultural a novos concellos da área de Ourense coa ‘Furgoteca’

02/01/2025

A Xunta achega a actividade cultural a novos concellos da área de Ourense coa ‘Furgoteca’

A estrea da nova liña, que abrangue dez municipios ourensáns, vai acompañada de diversas propostas de dinamización nas localidades incluídas no circuíto

Esta ruta das bibliotecas móbiles, que se iniciará nos vindeiros días, completa as dúas que xa funcionan desde marzo de 2023, unha delas na provincia de Lugo

Ourense, 2 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia pon en marcha desde hoxe un programa de actividades que abrangue varios concellos da área occidental da provincia de Ourense incluídos na nova ruta de A Furgoteca, que comezará o seu percorrido nos vindeiros días. Esta nova liña, a terceira, do servizo de bibliotecas móbiles que se centran no rural de Lugo e Ourense,  dará cobertura aos municipios de Lobeira, Muíños, Padrenda, A Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus e Verea, que suman no seu conxunto 11.233 habitantes

Así, ao abeiro da estrea deste servizo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organizou varias propostas culturais paralelas para todas as idades que van desde contacontos ou xogos ata diversos obradoiros nas distintas localidades que forman parte do novo circuíto. A programación comeza hoxe, xoves 2, en Rairiz de Veiga (na Casa do Concello de 16,00 a 18,30 horas) e continúa mañá, venres, en Verea (na explanada da Casa da Cultura de 16,00 a 18,30 horas). O sábado a iniciativa chegará a Ramirás (no Centro Cultural do Picouto de 11,00 a 13,30 horas) e a Quintela de Leirado (no Centro Multiusos de 16,00 a 18,30 horas). Para o día 10 tamén están previstas actividades en varios lugares de Sandiás (no Punto de Atención á Infancia, no colexio e na Casa do Concello entre as 10,30 e as 13,00 horas).

Dinamización cultural no rural

No primeiro ano de funcionamento as bibliotecas móbiles, que estiveron presentes en 20 municipios de menos de 2.000 veciños, atenderon a 14.300 persoas e realizaron máis de 300 actividades de dinamización cultural.

 A iniciativa concorda cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, impulsada pola Xunta e que promove o acceso á cultura de todas as persoas facendo especial fincapé en paliar as limitacións xeográficas.

 As rutas de A Furgoteca viaxan dúas veces ao mes a cada un dos concellos participantes, de maneira que se asenta un dos días nas localizacións con maior afluencia de público, xa sexan feiras, mercados, centros de saúde, pavillóns de deporte ou centros socioculturais. Na outra xornada achéganse ás aldeas para ofrecer unha atención máis personalizada.

Comparte