Nova: O delegado territorial da Xunta en Ourense informa do anuncio de licitación das obras na igrexa de San Pedro de Flariz, en Monterrei, nas que a Xunta investirá preto de 580.000 euros

08/01/2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense informa do anuncio de licitación das obras na igrexa de San Pedro de Flariz, en Monterrei, nas que a Xunta investirá preto de 580.000 euros

Manuel Pardo informou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinará preto de 580.000 euros á rehabilitación da cuberta e da carpintería, para permitir unha ventilación constante no interior

O delegado territorial subliñou que ‘este tipo de actuacións constitúen un auténtico agasallo para todos os que estamos orgullosos da nosa riqueza etnográfica e da nosa historia e para todos os que cremos nas testemuñas do pasado como unha parte esencial do noso poder de transformación’

Esta actuación resolverá os problemas de estanquidade na cuberta, que están afectando á estrutura de madeira, problemas de aspecto e conservación nas fábricas de pedra e de aspecto e funcionamento das instalacións de electricidade e de protección fronte aos raios

Ourense, 8 de xaneiro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, acompañado do alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, a igrexa de San Pedro de Flariz para informalo do anuncio de licitación das obras de rehabilitación da cuberta e da carpintería, nas  que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vai investir 579.236,63€, e que terá un prazo máximo de execución de 7 meses.

Manuel Pardo destacou a aposta decida pola conservación do noso patrimonio histórico-cultural, xa que “este tipo de actuacións constitúen un auténtico agasallo para todos os que estamos orgullosos da nosa riqueza etnográfica e da nosa historia e para todos os que cremos nas testemuñas do pasado como unha parte esencial do noso poder de transformación”. Por iso –engadiu- “dende a Xunta queremos darlle o mellor futuro ao noso pasado máis singular”. 

O representante do Goberno galego explicou que con esta actuación pretenderase resolver problemas de estanquidade na cuberta, que están afectando á estrutura de madeira, problemas de aspecto e conservación nas fábricas de pedra e de aspecto e funcionamento das instalacións de electricidade e de protección fronte aos raios.

As actuacións previstas 

As obras nesta igrexa, ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultual de Galicia, consistirán na substitución da cuberta, formada con tella curva de zinc para a impermeabilización dos encontros e puntos singulares; e da carpintería, para permitir unha ventilación constante no interior da igrexa; na construción dunha estrutura de madeira laminada de castiñeiro, e dun habitáculo para albergar o reloxo, executado con estrutura metálica e cuberto con zinc, accesible a través dunha estada desmontable.

Tamén se levarán a cabo a  eliminación do chanzo existente na porta de acceso lateral sur, así como a restauración das melenas das campás e das portas de madeira de acceso á igrexa.

A igrexa de San Pedro de Flariz

De estilo barroco, a Igrexa ten planta de cruz latina, cos brazos do cruceiro tan so insinuados e ábsida rectangular, e a súa fachada retablo encontrase enmarcada entre dúas pilastras acanaladas sobre as que descansa un pináculo coroado con bola. No centro arranca unha esvelta torre de tres corpos de inspiración compostelá obra de D. Manuel Louriño (mestre canteiro), que no segundo corpo ten instalado un reloxo de pesas dos anos 90 do século XX.

No lateral, entre os brazos do cruceiro e a ábsida, achéganse sendas sancristías: a principal, no sur, ten cuberta con bóveda de cruzaría e unha fonte decorada; mentres que a do norte queda apenas coma un anexo ou espazo secundario. No lado norte, entre a sancristía e a ábsida, existe unha peza independente engadida con posterioridade, o osario.

No interior destacan as bóvedas de canón, e a cúpula nervada que cubre o cruceiro, mentres que a   cuberta conta con todas as súa esquinas rematadas con pináculos, salvo no volume da sancristía.

Comparte