Nova: O IV Festival Arte pola Igualdade homenaxeará a vida e obra de Filgueira Valverde
04/05/2015
O IV Festival Arte pola Igualdade homenaxeará a vida e obra de Filgueira Valverde
O espectáculo terá lugar o vindeiro día 6 de maio, a partir das 19 horas
Trátase dunha iniciativa de colaboración entre o Centro de Educación Especial María Mariño e o Conservatorio Profesional de Música da Coruña para conmemorar o día das Letras Galegas
A Coruña, 4 de maio de 2015.- A nova edición do Festival Arte pola Igualdade, que este ano acada a súa cuarta edición, presentouse esta mañá na Coruña. O evento está promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Centro de Educación Especial (CEE) María Mariño e co Conservatorio Profesional de Música da Coruña, e pola Deputación da Coruña, que cedeu o teatro Colón para a súa celebración.
Segundo explicou a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o espectáculo, que terá lugar o vindeiro día 6 de maio a partir das 19 horas, baséase “por unha banda, na lembranza e homenaxe a Xosé Filgueira Valverde, autor homenaxeado este ano o Día das Letras Galegas, e, por outra, en dar a coñecer o traballo que se desenvolve nestes centros educativos, onde se demostra día a día que que a discapacidade física ou psíquica non é impedimento para desenvolver o potencial creativo e a sensibilidade artística”.
Trátase dun encontro para todos os públicos, que terá unha duración aproximada dunha hora e combinará teatro, danza e música. Neste tempo, o alumnado e o profesorado do CEE María Mariño e do Conservatorio porán en escena tres estampas galegas: Alborada no día da festa, Unha palillada de Camariñas e A espadela, de Mauricio Fato Parra e Leandro Carré Alvarellos. A entrada será de balde ata completar e aforo e poderase retirar previamente no despacho de billetes do teatro.
Segundo destacou a delegada territorial, este é, en definitiva, un “traballo colaborativo alegre, emotivo e educativo da integración real, que ten como obxectivo seguir a promover a integración e a educación inclusiva, a través da posta a disposición dos alumnos con necesidades educativas especiais os mesmos servizos educativos e formativos cos que conta o resto da cidadanía”. Na mesma liña, Do Campo aproveitou a presenza da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Mariel Padín, para agradecer a implicación da institución provincial neste proxecto, pois, segundo apuntou, “todas as administracións deben ir da man cando se trata de favorecer a igualdade”.