Nova: A Xunta contribúe á programación de 27 espectáculos na cidade de Lugo a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
10/01/2025
A Xunta contribúe á programación de 27 espectáculos na cidade de Lugo a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
A carteleira comeza este domingo cos monicreques de ‘La maestra’, a cargo da compañía vasca Anita Maravillas
No Auditorio Municipal Gustavo Freire poderán verse as últimas propostas teatrais, con apoio do Goberno galego, de Sarabela, Berrobambán, Excéntricas ou Ibuprofeno
Tamén haberá danza, con pezas como ‘Dance Join’, de Marta Alonso Tejada, e ‘Sobre o extravío ou a arte de perderse’, de Furia Sotelo
Lugo, 10 de xaneiro de 2025
A Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos promovido pola Xunta e cofinanciado coas entidades locais asociadas, ofrecerá ata o mes de maio no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo as funcións de 27 espectáculos de artes escénicas e música durante o primeiro semestre de 2025.
A programación, organizada en colaboración co Concello de Lugo, arranca este domingo 12 de xaneiro con La maestra, un espectáculo de monicreques para público familiar da vasca Anita Maravillas. Neste mes haberá outras dúas propostas dirixidas á cativada: o día 19 será a quenda do circo con Compaña, de Xampatito Pato, e o 26 haberá dobre pase de Madame Lumière, unha peza multisensorial onde a compañía catalá La Menuda mestura música, danza e luz para familias e bebés a partir de 6 meses. Xa para público adulto, o programa para xaneiro complétase con As gardiás, de Teatro de Ningures, o 16, Testosterona, de Malasombra Producións, o 23, e Multiperspectivas#3, de Paula Quintas, o día 24.
No mes de febreiro chegan a Lugo as obras teatrais O pano de Bátega Teatro (día 6), O dragón de ouro, de Sarabela Teatro (día 13), Non pasarán,de Ártika Cía, (día 20) e Absurdia, de Dani Blanco Producións, (día 27). Tamén o farán producións especialmente dirixidas ás familias, como o día 2 con Kyoki, de Elefante Elegante; o día 9 Mímesis, o ritual iniciático para primeira infancia da asturiana Zigzag Danza, e o 16 E entón, un xardín, de Paporrubio, onde se mesturan monicreques con música en directo.
Furia Sotelo abrirá a carteleira de marzo da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Lugo o venres 7 coa peza de danza Sobre o extravío ou a arte de perderse. Xa o domingo 9, Caramuxo Teatro presentará Crisálida, un espectáculo de máscaras para público familiar sobre a importancia do comercio tradicional nun mundo dixitalizado. Outras tres propostas teatrais completan o mes: o día 14 Nada se sabe, unha peza de Culturactiva en coprodución co Centro Dramático Galego que reflexiona sobre a inclusión e a discapacidade; Frío, de A Feroz, o 16; Mala vida e pior morte de Ricardo III, de PT Excéntricas, o 22; e Mulleres que viven soas, de Berrobambán, o día 29.
En abril, o Auditorio Municipal Gustavo Freire acolle outras tres funcións teatrais. O día 3, Ibuprofeno Teatro presenta Reconversión, o día 10 volve Excéntricas con As desterradas e o mes pecharase o día 24 con Profetas, de Ítaca Teatro.
O programa para o primeiro semestre de 2025 finalizará en Lugo no mes de maio: o día 2 con Dance Join, de Marta Alonso Tejada, peza beneficiaria da axuda da Xunta á creación escénica na categoría de danza; o 4 con A nena e o grilo camiño das cores, de Magín Blanco; e o 16 coa representación de Tromso, de Morraoconto, quen tamén recibiu axuda do Goberno galego na convocatoria de 2024 no eido de compañías de nova creación para poñer en pé este espectáculo.
Máis de 340 representacións en Galicia
A Rede Galega de Teatros e Auditorios programa ata a o vindeiro mes de xuño 343 funcións de artes escénicas e musicais nos escenarios de 41 concellos das catro provincias galegas. A Xunta impulsa e coordina este circuíto, que constitúe un dos principais mercados de distribución cultural para facerlle chegar ao público os espectáculos producidos no país de xeito profesional.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, dispón para todo 2025 un orzamento de 1 M€ destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte, coas que se configuran dúas programacións semestrais.