Nova: Ana Ortiz e Anxo M. Lorenzo animan á cidadanía a asistir ao VII Certame de Rondallas da Área de Vigo que reunirá no Ifevi a 14 agrupacións

17/01/2025

Ana Ortiz e Anxo M. Lorenzo animan á cidadanía a asistir ao VII Certame de Rondallas da Área de Vigo que reunirá no Ifevi a 14 agrupacións

A delegada territorial en Vigo e o director xeral de Cultura visitaron este venres as instalacións nas que se celebrará o tradicional evento

Vigo, 17 de xaneiro de 2025

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitaron este venres as instalacións do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) no que se celebrará mañá (17:00 horas) o VII Certame de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo coa participación de 14 agrupacións procedentes de Vigo, Mos, O Porriño, Gondomar, Nigrán e Tui.

Os dous representantes autonómicos animaron á cidadanía a asistir ao Ifevi para poder gozar “dun espectáculo único en Galicia” e que cada ano exerce como escaparate cultural. “Este evento representa a vitalidade da cultura tradicional e de base na nosa comunidade, sendo un escaparate das agrupacións en toda Galicia, especialmente na área de Vigo, o que xustifica a relevancia de apoiar esta celebración”, sinalou Ana Ortiz.

Anxo M. Lorenzo lembrou que a Xunta achega a esta iniciativa 60.000€, 5.000€ máis con respecto ao ano pasado. O director xeral de Cultura puxo en valor o traballo realizado polas agrupacións tan estreitamente vinculadas co pobo e gabou o labor da federación que agrupa as rondallas da área viguesa.

Neste VII Certame de Rondallas da Área de Vigo participarán un total de 15 agrupacións, catro delas da cidade de Vigo (Valladares, Zamáns, Helios de Bembrive e Beade), catro de Mos (Guizán, Herville, Torroso e Santa Eulalia de Mos), dúas do Porriño (Pontellas e Atios), dúas de Gondomar (Vincios e Nosa Merced de Chaín), unha de Nigrán (Parada) e unha de Tui (Pexegueiro).

En total, as catorce agrupacións contarán con aproximadamente 1.400 rondalleiros participantes e o Ifevi disporá dun aforo de 7.000 persoas, contando as bancadas do pavillón e as cadeiras que se instalarán. As rondallas da Área Metropolitana de Vigo, que contan con arredor de 100 compoñentes cada unha,  teñen a particularidade  de interpretar as súas pezas con obxectos como poden ser as cunchas e non con instrumentos de corda como é o habitual.

Comparte