Nova: Lázaro Carreño imparte no Centro Coreográfico Galego un curso de técnica de danza clásica

04/05/2015

Lázaro Carreño imparte no Centro Coreográfico Galego un curso de técnica de danza clásica

O ex primeiro bailarín do Ballet Nacional de Cuba imparte un novo curso na sede da unidade de danza de Cultura ante a demanda rexistrada nas súas dúas últimas visitas á Coruña

  • Lázaro Carreño

A Coruña, 4 de maio de 2015.- O mestre cubano Lázaro Carreño imparte desde hoxe na sede do Centro Coreográfico Galego (CCG) na Coruña un novo curso intensivo de técnica clásica, no que participa ata finais de maio unha vintena de alumnos e alumnas de toda Galicia, entre os que se atopan profesionais e profesorado de danza, así como estudantes de nivel medio-alto.

A unidade de produción coreográfica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve contar para o seu programa de formación continua co ex primeiro bailarín do Ballet Nacional de Cuba, despois da demanda rexistrada nos dous encontros que impartiu os pasados meses de decembro e febreiro.

Nesta ocasión, o Centro Coreográfico Galego ofertou diferentes posibilidades de matrícula (mes completo, por semanas e clases soltas), de xeito que aínda permanece aberto o prazo de solicitude para asistir ao curso durante unha semana ou unha xornada en concreto. A inscrición pode formalizarse a través do correo electrónico formacion.ccg@xunta.es, seguindo as instrucións que se especifican na web www.centrocoreografico.org.

O CCG súmase, deste xeito, á listaxe de institucións que recibiron o mestre Carreño co obxectivo de perfeccionar a técnica clásica dos seus alumnos, como fixeron o American Ballet Theatre, o Royal Ballet de Londres, a Ópera de París, o Houston Ballet ou a Compañía Nacional de Danza de España, entre outras.

‘Partenaire’ de Alicia Alonso
Formado nas diferentes formas e estilos da escola rusa, Lázaro Carreño realizou ao longo da súa prolixa traxectoria como bailarín os máis distintos roles tanto en coreografías clásicas como contemporáneas. O seu debut profesional co Ballet Nacional de Cuba foi en 1969, no que pasou á categoría de solista en 1972, á de bailarín principal en 1974 e á de primeiro bailarín en 1976.

Foi ‘partenaire’ de Alicia Alonso, con quen interpretou, entre outros títulos, ‘Carmen’, ‘Dido Abandonada’, ‘Roberto el Diablo’ ou ‘Cleopatra’. A súa traxectoria foi merecedora de premios en Bulgaria, Rusia, Puerto Rico, Xapón ou Brasil. No seu país obtivo o máis alto galardón artístico, como é a Medalla ao Mérito Nacional pola Cultura.

Durante a súa carreira compaxinou o seu talento como profesor, bailarín e repetidor de numerosas coreografías clásicas e actuais, especializándose, sobre todo, en ‘Pas de deux’. Como docente traballou na Escola Nacional do Ballet da Habana e no ballet do Teatro Municipal de Santiago de Chile, na Cátedra de Danza Alicia Alonso da Universidade Complutense de Madrid, no Real Conservatorio de Danza de Madrid, no Ballet da Ópera do Rhin (Francia), no Covent Garden de Londres, na academia de María de Ávila en Zaragoza, no Instituto do Teatro de Barcelona ou na Escola de Danza Juan Antxieta de Bilbao.

Comparte