Nova: O conselleiro de Cultura reúnese coa asociación Escena Galega para analizar as liñas de colaboración co sector en 2025

24/01/2025

O conselleiro de Cultura reúnese coa asociación Escena Galega para analizar as liñas de colaboración co sector en 2025

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2025

A próxima renovación do convenio de  colaboración que a Xunta vén subscribindo anualmente coa Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas - Escena Galega centrou a reunión que o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mantivo hoxe con Patricia de Lorenzo, presidenta deste colectivo que agrupa máis de 60 empresas dedicadas á produción e/ou distribución de espectáculos escénicos. Á xuntanza, na que ambas partes subliñaron o bo momento do sector en Galicia e abordaron posibles vías de mellora, asistiron tamén Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, e, por parte da devandita asociación, Eva Alonso, tesoureira; Tone Martínez, vogal, e Diego V. Meizoso, xerente.

Ademais do diálogo continuo no deseño e execución das políticas de fomento das artes escénicas por parte do Goberno galego, outras das liñas de traballo conxunto teñen que ver co apoio económico á organización de diferentes accións de formación, capacitación e acompañamento profesional, así como actuacións específicas de difusión e promoción encamiñadas á dinamización deste sector na nosa Comunidade.

Comparte