Nova: A Xunta leva a catálogo a exposición do Arquivo de Galicia sobre o valor da cultura na saúde mental e na inclusión

28/01/2025

A Xunta leva a catálogo a exposición do Arquivo de Galicia sobre o valor da cultura na saúde mental e na inclusión

A publicación reproduce a estrutura da mostra que exhibiu, entre o 7 de xuño e o 17 de outubro de 2024, material do Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Santiago, do antigo de Toén e do de Piñor, ambos os dous en Ourense

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude encadra estas accións dentro da liña de traballo da nova Lei da cultura inclusiva e accesible de Galicia

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe o catálogo da mostra Mentes no labirinto que, entre o 7 de xuño e o 17 de outubro do pasado ano, exhibiu o Arquivo de Galicia para pór en valor o papel da cultura na saúde mental e na inclusión. Precisamente, encadrou este tipo de actividades e propostas dentro da liña de traballo da nova Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que tanto coa  exposición como coa súa permanencia a través do catálogo, o Goberno galego procura amosar “como a cultura se erixe nun importante elemento de inclusión social, particularmente das persoas pertencentes a colectivos sensibles ou con dificultades especiais”.

Neste senso, lembrou que a mostra reuniu documentos procedentes na súa maior parte do fondo documental do Hospital Psiquiátrico de Conxo (Santiago), custodiados no Arquivo de Galicia, que ten as súas instalación na Cidade da Cultura, e tamén dos fondos documentais do antigo Hospital Psiquiátrico de Toén (Ourense) e do seu herdeiro, o Hospital Psiquiátrico de Piñor.

Valor da arte para desestigmatizar e propiciar a inclusión

Anxo M. Lorenzo precisou que o catálogo reproduce a estrutura que xa presentaba a exposición, na cal se exhibiron 90 documentos e 20 obras de pequeno formato (pinturas e esculturas) co obxecto de reflectir o tratamento en xeral das enfermidades mentais en Galicia desde finais do século XIX ata a actualidade “co obxecto de contribuír a  desestigmatizalas”. Deste xeito, resaltou a “estreita colaboración” establecida entre os profesionais vencellados ao mundo da cultura e ao da sanidade, tanto na  montaxe da mostra no Arquivo de Galicia como nesta publicación.

Consecuentemente, destacou que o catálogo de Mentes no labirinto reflicte o importante compromiso da cultura coa inclusión social da cultura. Así, explicou que entre os documentos que se exhibían na mostra —e que tamén agora se presentan non catálogo— cómpre destacar as historias clínicas que amosan a incidencia que os conflitos bélicos producen na saúde mental da poboación. De igual xeito, a publicación tamén recolle diferentes escritos, debuxos, pinturas ou esculturas que amosan a creatividade dos pacientes e que son de grande interese tamén desde o punto de vista diagnóstico e terapéutico.

Comparte