Nova: A Xunta inicia en Vigo a programación conmemorativa do ‘Ano Castelao’ nos centros escolares
29/01/2025
A Xunta inicia en Vigo a programación conmemorativa do ‘Ano Castelao’ nos centros escolares
Valentín García valora manter “acesa a súa valiosa herdanza cultural, artística e de profundo amor á lingua” no sistema educativo e entre a cativada da Comunidade
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organizará unha ampla programación que inclúe unha exposición virtual que permitirá interactuar co escritor de Rianxo
Vigo, 29 de xaneiro de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participaron hoxe no instituto Castelao de Vigo nunha das primeiras programacións escolares, impulsadas co apoio da Xunta de Galicia para festexar o Ano Castelao, coincidindo co 75 aniversario do pasamento deste intelectual galeguista.
Estas actividades lévanse a cabo desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da coordinación cos equipos de Dinamización da Lingua e tamén das bibliotecas coas que contan as escolas galegas. “Se nalgún sitio temos que seguir mantendo aceso a valiosa herdanza cultural, artística, intelectual e de profundo amor á lingua que nos legou Castelao, este é, sen dúbida, na educación e entre a nosa cativada, presente e futuro de Galicia”, valorou Valentín García.
Neste senso, salientou que ao abeiro da declaración do Goberno galego de Ano Castelao para este 2025 levarase a cabo, dentro da ampla programación conmemorativa, “iniciativas específicas para divulgar nos centros escolares galegos a relevancia da figura e da obra do autor de Rianxo, como é o caso deste centro vigués”, apuntou.
O instituto de secundaria Castelao de Vigo é o primeiro que bota andar un programa de actividades no centro, que deu comezo hoxe cunha mesa redonda inaugural, á que lle seguirán outras 13 accións máis ata decembro deste ano. As actividades inclúen encontros, charlas, conferencias, un recital e a proxección dun documental, nas que participarán ao longo deste 2025 personalidades relevantes do eido cultural, académico e artístico. Este inicio coincide co nacemento de Castelao, data que se conmemora mañá co Día da Ilustración.
Deste xeito, desde hoxe e ata decembro deste ano, o alumnado deste instituto de secundaria poderá valorar as importantes achegas de Castelao no eido artístico e plástico, nos idearios políticos das formacións actuais ou na literatura e na dramaturxia. Nestas actividades participarán, entre outras personalidades, o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Siexas, os académicos Xesús Alonso Montero e Marilar Aleixandre ou o catedrático Xosé Ramón Pena.
Castelao virtual na Cidade da Cultura
Ademais destas accións educativas, a Xunta de Galicia ten artellada para o Ano Castelao a recreación virtual de Castelao nunha exposición na Cidade da Cultura, que permitira interactuar directamente con el, e na que tamén se reproducirá a súa voz. Deste xeito, será o mesmo Castelao quen guiará os visitantes nun percorrido pola súa vida, obra, achegas intelectuais e políticas e tamén creativas, a través dos seus debuxos.
Esta recreación da figura e da súa vida no Metaverso será posible grazas ao proxecto Galiverso da Cidade da Cultura, unha iniciativa das consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que emprega as tecnoloxías inmersivas e que, na actualidade, permite no Museo Centro Gaiás descubrir importantes bens que forman parte do noso patrimonio cultural a través da súa recreación en realidade virtual
Publicación histórica das dúas versións de ‘Os vellos non deben de namorarse’
A programación cultural do Ano Castelo inclúe a edición, en colaboración coa Fundación Castelao e a Editorial Galaxia, das dúas versións que deixou publicadas Castelao da súa emblemática peza teatral: Os vellos non deben de namorarse. Cómpre salientar que será a primeira vez que se leve a cabo a publicación simultánea dunha das obras máis populares do teatro galego, estreada en Bos Aires en 1941.
Hai que destacar que esta edición especial enmárcase na coincidencia da celebración do Ano Castelao co 75 aniversario este 2025 da creación de Galaxia, editorial que conta tamén cunha forte carga simbólica en Galicia e que ten tido á fronte da súa presidencia figuras sobranceiras, como foi Ramón Otero Pedrayo, e que leva traballando activamente tres cuartos de século polo prestixio da literatura, cultura e lingua galegas
Finalmente, dixitalizarase, en colaboración co Instituto Padre Sarmiento, toda a documentación descuberta sobre o proceso de aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, no que Castelao foi un dos partícipes directos.