Nova: Un total de 39 curtas e videoclips competirán no Festival de Cans 2015

05/05/2015

Un total de 39 curtas e videoclips competirán no Festival de Cans 2015

A coñecida parroquia do Porriño acolle do 20 ao 23 de maio un intenso programa, que inclúe unha vintena de actuacións musicais, preestreas de longas, presentacións de proxectos, as actividades do MiniCans e a nova sección Rebobinando

Cans (O Porriño), 5 de maio de 2015.- O Festival de Cans presentou este mediodía o programa da súa duodécima edición, que terá lugar do 20 ao 23 de maio na parroquia do Porriño da que toma o seu nome, cun total de 19 curtametraxes e 20 videoclips galegos a concurso. Xunto coa exhibición dos traballos que compiten polos 10 premios do certame, a organización volveu preparar este ano unha ampla oferta de actividades paralelas, entre as que hai actuacións musicais, pases especiais de longametraxes, presentacións de proxectos, proxeccións para o público infantil e a nova sección ‘Robobinando’.

Os responsables do festival desvelaron hoxe esta programación no transcurso dun acto no que estiveron acompañados polos representantes das diferentes entidades que, como a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), apoian esta duodécima edición. En concreto, a Axencia da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria subvenciona o evento cun total de 22.196 euros.

‘Cans de futuro’
O director da Agadic, Jacobo Sutil, interveu nesta presentación incidindo na crecente consolidación do encontro como plataforma para a promoción do audiovisual galego, ao tempo que destacou as súas orixinais fórmulas de promoción, “que redundan no estímulo profesional e na visualización dos traballos de factura autoría galega”, afirmou.

Segundo explicou, o apoio da Consellería de Cultura e Educación materialízase tamén a través da colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística no programa ‘Cans de futuro’, a través do que se dá a coñecer o evento entre os escolares galegos. Así, os centros gañadores da última edición do certame audiovisual de dinamización lingüística ‘Nos tamén creamos!’, na categoría de segundo ciclo de Primaria, visitarán Cans o día 22 para presentar os seus traballos no marco desta sección especial.

En canto ás curtametraxes a concurso, todas elas asinadas por directoras e directores galegos, as fitas seleccionadas abranguen unha ampla variedade de xéneros, que van desde o drama á ciencia ficción, pasando polo thriller, o cinema experimental, o bélico, a docuficción, a dramedia romántica ou o videoterror. Nesta categoría, onde se exhiben filmes rodados en diferentes idiomas e lugares do mundo, conviven nomes xa habituais no festival cos de novos creadores que están a comezar a súa traxectoria neste sector.

As curtametraxes serán valoradas polo xurado oficial, integrado por coñecidas figuras do audiovisual e da cultura galega en xeral (Nerea Barros, Antonio Mourelos, Mercedes Péon, Enrique Otero, Avelino González, Sandra Sánchez e Fran P. Lorenzo), ademais de polo xurado dos veciños. En canto aos 20 vídeos musicais seleccionados, o gañador será elixido por Henrik Röver, Ángel Sánchez, Tati Moyano e Juan Rivas.

José Luis Cuerda e Javier Gutiérrez
Xunto coas seccións de competición, Cans vén desenvolvendo desde as súas orixes un intenso programa complementario, que este ano conta co director José Luis Cuerda e co actor Javier Gutiérrez (premio Pedigree 2015) entre os seus convidados. Tamén contarán con galardón asegurado este ano o director Alfonso Zarauza e o veciño de Cans Juan Maceira (“Juan do peso”), que recibirán os Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime” pola súa especial implicación co festival.

Ademais, o público de Cans poderá asistir a varias preestreas e pases especiais de longametraxes, como ‘A cambio de nada’, coa que Daniel Guzmán acaba de gañar o festival de Málaga; ‘Meigallos’, de Virginia Curiá; ou ‘Torre de Breoghán’, de Jorge Coira, coa que se abrirá tamén un novo espazo musical: os Concertos da Placa. De feito, a música volverá ter unha destacada presenza nesta edición, cunha vintena de actuacións a cargo de Sidonie, Sés, Dos Tenedores Def Con Dos, Luar na Lubre, Adrián Costa, Quempallou ou Davide Salvado, entre outros.

Presentacións en exclusiva
No programa tamén hai cabida para os coloquios e as presentacións dos novos traballos e futuros proxectos de guionistas e directores como Dani de la Torre, Manane Rodríguez e Xabier Bermúdez, Miguel Barros, Alfonso Zarauza, Xacio Baño, Juan Galiñanes, Simón Casal, Pablo Romero-Fresco ou Cristóbal Arteaga. Así mesmo, proxectaranse en exclusiva as primeiras imaxes de ‘Rey Gitano’, de Juanma Bajo Ulloa, un filme que ten a súa orixe en Cans.

Entre esta ampla oferta, haberá unha programación especial para o público máis novo, con media ducia de proxeccións como parte do chamado ‘MiniCans’. En canto ás novas seccións, destaca a posta en marcha de ‘Rebobinando (se puidese voltar atrás)’, que será inaugurada polo director Ignacio Vilar e dous dos protagonistas do seu filme ‘A Esmorga’: Antonio Durán “Morris” e Migel de Lira.

 

Comparte