Nova: A Xunta financia a programación escénica e musical de Vigo con 29 funcións da Rede Galega de Teatros e Auditorios
30/01/2025
A Xunta financia a programación escénica e musical de Vigo con 29 funcións da Rede Galega de Teatros e Auditorios
O Auditorio Municipal de cidade olívica é un dos espazos asociados ao circuíto que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cofinancia con 42 entidades locais de toda Galicia
A carteleira semestral inclúe propostas de teatro, danza, música, maxia e circo e arranca mañá co espectáculo de rúa ‘Hexagonum’
A Xunta contribúe tamén ás programacións anuais do Teatro Ensalle e a Sala Ártika a través das subvencións aos espazos escénicos de titularidade privada
Vigo, 30 de xaneiro de 2025
A Rede Galega de Teatros e Auditorios contribúe á oferta cultural da cidade de Vigo, no marco da que este primeiro semestre do ano terán lugar 29 funcións con propostas de teatro, danza, música, maxia e circo cofinanciadas pola Xunta de Galicia. A programación ábrese mañá co espectáculo ao aire libre Hexagonum, que terá lugar desde 20,00 horas entre o Paseo de Alfonso e a rúa do Príncipe.
Trátase dunha proposta escénica na que a compañía galega Troula mestura tecnoloxía, música e vídeo en directo, animación e danza. O universo simbólico e imaxinario do mundo das abellas será o punto de partida desta proposta que trata de concienciar ao público sobre as graves consecuencias que tería para o planeta a desaparición destes animais.
Tras esta primeira cita da nova carteleira da Rede na cidade, o resto da programación desenvolverase no Auditorio Municipal con 14 propostas de teatro galego, cinco obras de compañías estatais, tres espectáculos de danza, dous de circo, un de maxia e dous concertos.
Para desfrutar en familia
As oportunidades para gozar da escena en familia protagonizan dez das citas deste calendario semestral, que continuará en febreiro con tres espectáculos: o día 9, Castelao, de Culturactiva, achéganos ao humor na obra do inmortal autor de Rianxo; o 16, a compañía catalá La Menuda propón unha sesión de música para a cativada en Madame Lumière e o 23 chegará desde Salamanca Katua&Galea Teatro cunha reinterpretación dos contos clásicos en La bruja rechinadientes.
A axenda de marzo propón catro espectáculos para este mesmo perfil de público da man de Xampatito Pato e o seu circo Compaña o día 2, a compañía vasca Anita Maravillas & Portal 71 chega a Vigo para representar La maestra o día 9, Galitoon o 16 cun relato de humor e emocións arredor da historia de Rosalía, a pulga que escribía e Píscore o 23 con Molto Barroco, unha premiada montaxe que transita entre o teatro, a música antiga, a comedia e a participación do público.
Xa en abril, o programa reserva tres funcións familiares que comezarán o día 6 coa montaxe de teatro e monicreques Nanai da China, de Pérez&Fernández. O 13 o Mago Teto desembarca no auditorio vigués co seu espectáculo Rock and Magic e o 27 a cita será co Circo Chosco e a mestura de teatro, humor e piruetas da súa peza Oh-Pera!.
Teatro, danza e música de produción galega
O público adulto poderá gozar dalgunhas das mellores producións do teatro galego recente con montaxes como As gardiás, a última aposta de Teatro de Ningures, que subirá ás táboas os días 7 e 8 de febreiro para facer reflexionar sobre os coidados. O día 14 NegroLópez estrea en Vigo #Influencers, a súa ollada cómica sobre a creación de contido nas redes sociais, o 15 Berrobambán mostrará a vida das Mulleres que viven soas, mentres ButacaZero regresa á cidade coa exitosa Iribarne os días 21 e 22.
En marzo a axenda comeza con humor: a stand up comedy en clave galega que propón O monólogo de David Perdomo o día 1. O 14 chegarán As R(h)umorosas, de Etiqueta Negra Producciones, cunha mestura de monólogos e divertidos sketches arredor de grandes mulleres da Historia galega. O mes rematará con Testosterona, a última estrea de Malasombra Producións sobre desigualdade laboral, o día 21.
As funcións continúan en abril con As desterradas, a historia de resistencia feminina que presentará o día 4 Producións Teatráis Excéntricas; e Reconversión, a última produción de Ibuprofeno Teatro, que contará con funcións os días 11 e 12.
Shakespeare é o punto en común das dúas propostas que chegan do resto do Estado: o 22 de marzo Casting Lear, a aplaudida peza de autoficción creada por Andrea Jiménez con La Abadía; e o 5 de abril La violación de Lucrecia, de Teatro Teatro Clásico de Sevilla.
Completan esta carteleira semestral a proposta musical de Óscar Ibáñez & Tribo, Concerto, o 15 de marzo; e tres espectáculos de danza contemporánea: a estrea en Galicia de Nik·Eu, da compañía iXa, o día 28 de febreiro; É difícil fotografar o baleiro, do Colectivo D ́elas, o 25 de abril; e Sofá, de Marta Alonso Tejada, o 26 de abril.
Ademais da axenda do Auditorio Municipal, a Xunta contribúe tamén ás programacións anuais de dúas salas escénicas da cidade de titularidade privada: Teatro Ensalle e Sala Ártika, espazos ambos pertencentes á Rede Galega de Salas e das que o goberno galego asume parte da súa actividade a través da convocatoria anual específica de subvencións.
Máis de 340 representacións en Galicia
A Rede Galega de Teatros e Auditorios programa ata a o vindeiro mes de xuño 343 funcións de artes escénicas e musicais nos escenarios de 41 concellos das catro provincias galegas, aos que se sumará As Pontes de García Rodríguez a partir de xullo. A Xunta impulsa e coordina este circuíto, que constitúe un dos principais mercados de distribución cultural para facerlle chegar ao público os espectáculos producidos no país de xeito profesional.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dispón para o 2025 un orzamento de 1 M€ destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte, coas que se configuran dúas programacións semestrais.