Nova: A Xunta colabora nunha nova edición de ‘Camiño creativo de Santiago’, que apoia a candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio mundial
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
04/02/2025
A Xunta colabora nunha nova edición de ‘Camiño creativo de Santiago’, que apoia a candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio mundial
Os participantes percorrerán en abril a Ruta de Inverno e realizarase un encontro nacional en Monforte de Lemos e Sober vencellado ás industrias culturais e creativas
Anxo M. Lorenzo salienta a incorporación dunha liña específica para artistas, que documentarán a súa experiencia por esta vía xacobea
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2025
A Xunta de Galicia colabora na terceira edición do programa Camiño Creativo de Santiago, no que tamén participa o Ministerio de Cultura e no que emprendedores de diferentes eidos percorrerán, do 13 ao 23 de abril, a Ruta de Inverno que atravesa a Ribeira Sacra co obxecto de apoiar a súa candidatura a Patrimonio Mundial da Unesco en 2026.
Así se deu a coñecer hoxe na presentación en Santiago de Compostela, na que participou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude agradeceu este “orixinal e entusiasta pulo” á candidatura —cuxa documentación definitiva xa está entregada na sede da Unesco en París— difundindo o “importante patrimonio cultural que atesoura este tramo de Camiño”, que vai desde a localidade lucense de Monforte ata Santiago de Compostela.
Nesta liña, o director xeral de Cultura avanzou que, no marco deste programa, celebrarase na Ribeira Sacra un encontro nacional sobre emprendemento vencellado ás industrias culturais e creativas, “poñendo especial énfase na creación dun ecosistema creativo e emprendedor desta zona”. Este foro terá lugar os días 11, 12 e 13 de abril, nos municipios lucenses de Monforte de Lemos e de Sober.
Ademais deste apoio, Anxo M. Lorenzo tamén valorou a incorporación na edición deste ano do programa Camiño Creativo de Santiago dunha liña específica para artistas, “que documentarán a súa experiencia a través de cadernos de viaxe, que se recompilará nun libro final”.