Nova: Preestrea de Maimiño, a primeira película de animación galego-cubana

05/05/2015

Preestrea de Maimiño, a primeira película de animación galego-cubana

O filme, dirixido por Ernesto Padrón e coproducido co Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC), chegará ás pantallas españolas este venres día 8

  • Cartel de Maimiño Cartel de Maimiño
  •  O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu hoxe á preestrea do filme ‘Maimiño e o espello máxico’ O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu hoxe á preestrea do filme ‘Maimiño e o espello máxico’

Santiago, 5 de maio de 2015.- Hoxe foi a preestrea do filme ‘Maimiño e o espello máxico’, primeira longametraxe de animación galego-cubana. A preestrea tivo lugar esta tarde no Teatro Principal de Santiago como paso previo ao seu desembarco, este venres día 8, nas carteleiras comerciais españolas. A empresa galega Ficción e o Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC) coproduciron esta fita, que leva á pantalla grande unha versión libre do conto ‘Polgariño’ baixo a dirección do cubano Ernesto Padrón e co galego Bruno López como director convidado.

Para a materialización deste proxecto, Ficción Producciones contou, entre outros apoios, cunha subvención de 240.194 euros por parte da Xunta de Galicia, a través da convocatoria de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a producións e coproducións audiovisuais.

Antes deste primeiro pase, o filme foi presentado aos medios nun acto ao que asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, no que a concelleira de Cultura de Santiago, María Antón, o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a directora xerente da TVG, Rosa Vilas, tamén acompañaron os representantes do equipo galego desta coprodución. Ademais de Bruno López, participaron Julio Casal, produtor executivo, a actriz María Castro, que pon a voz á personaxe da Princesa, e a cantante Uxía, intérprete dos temas musicais en galego.

Banda sonora de Silvio Rodríguez
Con banda sonora orixinal de Silvio Rodríguez e música de Manuel Riveiro, ‘Maimiño’ conta tamén con Xoán Curiel na interpretación das cancións en galego. As voces dos personaxes principais corresponden a destacados nomes do panorama audiovisual galego e español: xunto a María Castro, Javier Rey, María Pujalte, Carlos Blanco, Tucho González, Luis Iglesia, Monti Castiñeiras e Antonio Mourelos, entre outros.

Padrón, director do famoso título cubano de animación ‘Vampiros en La Habana’, é ademais o guionista desta coprodución, a partir da adaptación do conto de Édouard de Labouyale que o heroe nacional cubano José Martí asinara para a revista infantil ‘La Edad de Oro’. O filme, que acaba de obter o Premio Mestre Mateo á mellor fita galega de animación, é tamén a primeira película de animación en 3D desenvolvida en Cuba.

Comparte