Nova: Ferrol acolle 10 espectáculos de música e artes escénicas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios que cofinancia a Xunta
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
07/02/2025
Ferrol acolle 10 espectáculos de música e artes escénicas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios que cofinancia a Xunta
A carteleira do Teatro Jofre ábrese este domingo 9 de febreiro coa montaxe infantil ‘Bulebule’, da compañía Os Náufragos
O circuíto cultural autonómico tamén ofrece 13 actuacións en Narón, onde a programación xa arrancou a comezos de xaneiro
Ferrol, 7 de febreiro de 2025
A Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos promovido pola Xunta e cofinanciado con máis de 40 entidades locais asociadas, ofrecerá ata o mes de xuño no Teatro Jofre de Ferrol 10 citas culturais nas que o público poderá gozar de dous concertos e oito pezas de artes escénicas, sete delas producidas en Galicia.
A programación, organizada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración co Concello, arranca este domingo 9 de febreiro, ás 12,30 horas coa compañía coruñesa Os Náufragos e a súa obra de teatro Bulebule, dirixida a público familiar, que explora os camiños da igualdade e da diversidade a través dunha nena protagonista que soña con ser patroa dun barco.
O calendario da Rede na carteleira do escenario ferrolán retomará a actividade no mes de marzo con Rosalía, a pulga que escribía, de Galitoon, o domingo 9; Continente María, un espectáculo sobre María Casares, de Ainé en coprodución co Centro Dramático Galego o venres 21; o concerto o sábado 22 da cantante manchega Karmento, que presentará o seu disco La Serrana, e o sábado 29 Aurora boreal, a última peza de danza de Paula Quintas Cía.
O circo tamén terá un lugar reservado no Jofre co espectáculo Compaña, de Xampatito Pato, o 6 de abril, e OhOlimpiadas!, de Pistacatro, o día 11 de maio. Neste mesmo mes, o día 16, Manekineko presentará a obra de teatro Cancións amarelas, flores tristes.
Ferrol pechará este primeiro período anual de programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios en xuño. O venres 6 dese mes terá lugar o concerto do compositor e guitarrista ferrolán Víctor Aneiros, quen presentará o seu oitavo disco Un extraño entre la multitud. Xa o domingo 8, será a quenda do espectáculo de monicreques para público familiar La maestra, da compañía vasca Anita Maravillas.
Máis propostas en Narón
Na mesma comarca de Ferrolterra, a actividade deste circuíto de espectáculos continúa tamén no Pazo da Cultura de Narón, onde a Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece 13 actuacións para este semestre desde o pasado mes de xaneiro. A partir desta vindeira fin de semana continúan as propostas de artes escénicas na localidade. Así, mañá sábado 8 poderá verse Mangoreté, unha peza de teatro musical e humor de Desiré Pillado e Bea García, e o día 15 chegará Guerra, a nova produción de Teatro do Noroeste.
Xa no mes de abril, a programación naronesa presenta o día 12 La Regenta, a versión teatral de Secuencia 3 sobre o clásico de Leopoldo Alas Clarín, e Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, con dous pases os días 25 e 26 para esta obra escrita e dirixida por Santiago Cortegoso que se presenta como un exercicio de memoria histórica sobre o sector naval na ría de Vigo.
O Pazo da Cultura de Narón pechará o seu calendario no marco da Rede en maio con A cincenta que non quería comer perdices, unha proposta de Sarabela Teatro para público familiar, o día 17, e unha dobre función de Helen Keller, a muller marabilla?, de Grupo Chévere, os días 23 e 24.
Máis de 340 representacións en Galicia
A Rede Galega de Teatros e Auditorios programa ata a o vindeiro mes de xuño 343 funcións de artes escénicas e musicais en 41 concellos das catro provincias galegas. A Xunta impulsa e coordina este circuíto, que constitúe un dos principais mercados de distribución cultural para facerlle chegar ao público os espectáculos producidos no país de xeito profesional.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, dispón para todo 2025 un orzamento de máis de 1 M€ destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte, coas que se configuran dúas programacións semestrais.