Nova: A Xunta destina preto de 50.000 euros á mellora dos fondos bibliográficos de 16 bibliotecas municipais nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

11/02/2025

A Xunta destina preto de 50.000 euros á mellora dos fondos bibliográficos de 16 bibliotecas municipais nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a biblioteca municipal de Ferrol para informar da nova convocatoria de axudas para adquisición de novidades editoriais en galego e mellora das coleccións 

Esta orde da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten aberto o prazo de solicitude ata o 21 de febreiro

Ferrol, 11 de febreiro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, visitou esta mañá a biblioteca municipal de Ferrol onde deu conta do compromiso do Goberno galego coa mellora da dotación destes espazos municipais con novos fondos bibliográficos.

Neste sentido, informou da apertura dunha nova convocatoria das axudas destinada a bibliotecas e axencias de lectura integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia para a adquisición de novidades editoriais en galego e para a mellora das coleccións, que o pasado ano deixou no ámbito da delegación preto de 50.000 euros en axudas a 16 bibliotecas municipais. Unha delas foi a de Ferrol que percibiu unha achega de preto de 5.300 euros.

A responsable da Xunta lembrou que esta orde, dotada este ano dun orzamento de 550.000 euros, regula dous programas de subvencións: un para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico que estean editados entre setembro de 2024 e setembro de 2025 e outro para a mellora de coleccións bibliográficas.

En ambos casos as axudas repartiranse en función da densidade poboacional do municipio en cuestión e será requisito que as entidades interesadas formen parte da Rede de bibliotecas públicas de Galicia. As solicitudes poden remitirse ata o 21 de febreiro.

Comparte