Nova: López Campos celebra o “espectacular momento” da cultura galega con recoñecementos dentro e fóra da comunidade

11/02/2025

López Campos celebra o “espectacular momento” da cultura galega con recoñecementos dentro e fóra da comunidade

Salienta o recente Premio Goya á curtametraxe ‘Cafunè’ ou os últimos Premios Nacionais de Poesía a Chus Pato, de Cómic a Bea Lema ou o de Letras a Manolo Rivas

Valora as “relevantes achegas” da iniciativa privada ao labor da Administración para “dar pulo e prestixiar aínda máis a creación en Galicia e en galego”

Vigo, 11 de febreiro de 2025

O conselleiro de Cultura,  Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou hoxe o “espectacular momento” que está a vivir a cultura galega, “tal e como están a demostrar os recoñecementos dentro e fóra da nosa Comunidade”, referíndose, en concreto, ao recente Premio Goya á curtametraxe de animación Cafunè dos produtores vigueses Lorena Álvarez e Carlos Fernández de Vigo, aos que lle deu os parabéns “pola extrema sensibilidade que reflicte este traballo”.

Precisamente, López Campos tivo estas palabras de felicitación na cidade viguesa, durante a súa participación na presentación da fundación literaria impulsada polo empresario Carlos Mouriño co obxecto divulgar a cultura galega e que ten, entre as súas primeiras accións, a de crear un certame dirixido a autores a autoras noveis. A este respecto, o conselleiro agradeceu esta iniciativa que, segundo destacou, se suma ao labor que realizan outras entidades privadas “con valiosas e relevantes achegas que fornecen o traballo da Administración a prol de impulsar e prestixiar aínda máis a creación en Galicia e en galego”. 

“Estas institucións son un apoio imprescindible na descentralización da cultura para que a desfruten todos os galegos e galegas, independentemente do territorio onde vivan”, valorou o representante de Cultura da Xunta, quen nesta estratexia de expansión de programacións por todo o territorio da Comunidade salientou o papel que está a xogar a nova Lei de Cultura inclusiva e accesible.

De igual xeito, o conselleiro amosou a súa satisfacción pola iniciativa desta nova fundación de “facer xermolar” un novo premio literario en Galicia, “unha nova sempre boa para incentivar e prestixiar a creación literaria, e máis se é no noso idioma”. Ademais, salientou o feito de que este galardón teña como fin “distinguir os primeiros pasos creativos dos nosos autores e que o fagan en galego”. Neste senso, enxalzou o papel que xogan as fundacións literarias á hora de darlle pulo á creación literaria na nosa comunidade, “na que temos un enorme potencial creativo de incuestionable talento”. 

Galicia, referente cultural

Nesta liña, López Campos resaltou a “máis que interesante e de enorme calidade” creación literaria que está a producirse na Comunidade, “e que está a ser merecidamente distinguida e recoñecida”. A modo de exemplo, apuntou os premios nacionais con “marca Galicia e en galego” outorgados no 2024, como o de Poesía a Chus Pato, o das Letras a Manuel Rivas ou o de categoría de Cómic a Bea Lema, que se suman aos recibidos nos últimos cinco anos por Yolanda Castaño, Olga Novo, Pilar Pallarés, Berta Dávila ou Paula Carballeira.

Para o conselleiro, estes galardóns confirman que Galicia é un “referente cultural” e atribuíno especialmente a que a Comunidade conta cun “forte tecido cultural composto por grandes profesionais de cada un dos ámbitos culturais, tanto literario e audiovisual, como escénico, artístico ou danza”. A todos eles garantiu o compromiso do Goberno galego de seguir apoiando o desenvolvemento do seus proxectos.

Comparte