Nova: A Xunta remata a actuación para mellorar a imaxe de elementos na contorna da Muralla de Lugo

11/02/2025

A Xunta remata a actuación para mellorar a imaxe de elementos na contorna da Muralla de Lugo

Javier Arias comprobou o resultado dos traballos, que consistiron en substituír o peche de madeira que había xunto ao adarve e mailo valado de chapa que se instalaran durante as escavacións na Tinería por outros elementos máis acordes co espazo e con menor impacto visual

Lugo, 11 de febreiro de 2025

A Xunta vén de rematar os traballos para mellorar a imaxe na contorna da Muralla de Lugo na zona do Carril dos Fornos, no barrio da Tinería. O delegado territorial, Javier Arias, comprobou esta mañá o resultado da intervención, que se iniciou a semana pasada e que se centrou en eliminar os elementos de protección perimetral que se instalaran durante a campaña de escavacións arqueolóxicas desenvolvida na zona e que provocaban un impacto visual sobre o Monumento.

Arias destacou o “importante cambio que este espazo experimentou desde o punto de vista estético” especialmente trala retirada do valado de chapa galvanizada que delimitaba o perímetro do terreo escavado e a súa substitución por unha varanda de madeira “moito máis acorde co espazo e sen tanto impacto visual”.

Tamén se eliminou o peche de táboas de madeira que se atopaba situado xunto ao adarve, na parcela próxima ao aparcamento do hospital Quirón, e no seu lugar colocouse unha varanda metálica, con pintura efecto forxa e acabado en negro, máis baixa e permeable. O delegado explicou ademais que esta instalación mantén o deseño doutras varandas empregadas noutras intervencións previas realizadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na Muralla.

“Pode parecer unha actuación pequena pero é importante tanto para os visitantes como para os propios veciños e veciñas de Lugo, que non temos xa ese impacto visual cando paseamos por esta zona da Muralla”, asegurou. Lembrou ademais que son medidas provisionais, á espera de que o desenvolvemento urbanístico da unidade de intervención UI7 permita determinar o seu uso.

Comparte