Nova: A Xunta executou máis do 40 % das actuacións de conservación no monumento romano de Santa Eulalia de Bóveda

13/02/2025
A Xunta executou máis do 40 % das actuacións de conservación no monumento romano de Santa Eulalia de Bóveda
López Campos salienta o “bo ritmo” da intervención que ten como principal obxecto estudar os efectos das condicións climáticas e ambientais nas pinturas murais
Destaca que o Goberno galego destina máis de 48.000€ nesta acción, que se prevé rematar a finais de ano, que se suman aos 225.000€ investidos desde o 2015
Lembra que ao longo de 2024, a Consellería de Cultura impulsou máis de 100 intervencións de restauración en máis de 80 bens repartidos por todo o territorio
Lugo, 13 de febreiro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe o “bo ritmo” das obras de conservación preventiva que se están a realizar no monumento romano de Santa Eulalia de Bóveda, no concello de Lugo, “xa que se leva executado máis do 40 % das actuacións previstas”. Así o anunciou na visita a este Ben de Interese Cultural, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias.
O responsable de Cultura da Xunta lembrou que esta intervención, orientada principalmente a estudar os efectos das condicións climáticas e ambientais sobre as pinturas murais e minimizar a súa afectación, comezou o pasado mes de xaneiro coa previsión inicial de rematala a finais de ano. Por estes motivos, considerou que a axilidade no grao de execución supón “unha demostración do firme compromiso” do Goberno galego con “manter no mellor estado posible” o patrimonio cultural da Comunidade, “que conta cun valioso legado dos nosos devanceiros que temos a obriga de preservar para as xeracións actuais e futuras”.
“Na Xunta somos conscientes de que temos que coidar dun dos nosos grandes tesouros e por iso somos a administración máis comprometida con esta tarefa”, aseverou López Campos antes de sinalar que, só no pasado ano, se impulsaron máis de 100 intervencións de restauración en máis de 80 bens repartidos por todo o territorio.
225.000€ investidos neste BIC desde 2015
No caso do monumento romano de Santa Eulalia de Bóveda, o conselleiro precisou que para esta actuación concreta se teñen destinado máis de 48.000€ que se están a orientar, principalmente, a illar o seu interior. Igualmente, estase a cubrir provisionalmente o adro cunha tea calada que servirá para comprobar a incidencia do sol. Ademais, proxecto inclúe o estudo do funcionamento hidráulico das distintas canles de todo o conxunto.
López Campos salientou que a relevancia que se lle dá desde o Goberno galego a este Ben de Interese Cultural reflíctese nas “numerosas actuacións” realizadas ao longo dos últimos anos. Así, informou que, desde 2015, se teñen investidos máis de 225.000€ neste templo para levar a cabo intervencións de mellora e conservación.
Finalmente, o conselleiro aclarou que co “obxectivo de efectuar un control rigoroso”, non se están podendo realizar visitas ao monumento ata o 8 de marzo. Segundo adiantou, a partir desa data, “estudarase a posibilidade de concertar visitas de pequenos grupos uns días concretos ao mes”.