Nova: A Xunta abre a 13ª edición do programa ‘Cultura no Camiño’ coa convocatoria de axudas para os concellos das rutas xacobeas

15/02/2025

A Xunta abre a 13ª edición do programa ‘Cultura no Camiño’ coa convocatoria de axudas para os concellos das rutas xacobeas

Publícanse no DOG as bases destas subvencións, dotadas con 250.000 euros para cofinanciar a contratación de espectáculos escénicos e musicais de formacións artísticas galegas entre o 15 de xuño e o 31 de agosto

O prazo de solicitude abrirase o mércores, 19 de febreiro, a partir das 9,00 horas

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en marcha a 13ª edición do circuíto Cultura no Camiño coa convocatoria anual das subvencións para fomentar a programación de artes escénicas e de música por parte dos concellos polos que discorren as diferentes rutas xacobeas. O Diario Oficial de Galicia publicou as bases destas axudas, dotadas con 250.000 euros para a contratación de espectáculos profesionais galegos de teatro, música, danza, narración oral, circo e maxia entre o 15 de xuño e o 31 de agosto deste ano.

Os municipios do Camiño de Santiago interesados en formar parte desta iniciativa poderán facelo tanto a título individual como conxuntamente en forma de agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou similar. O prazo de presentación abrirá ás 9,00 horas do vindeiro mércores, 19 de febreiro, e a concesión realizarase por orde de solicitude ata o esgotamento do crédito ou, en todo caso, ata as 14,00 horas do 21 de xullo.

As contías outorgaranse en diferentes porcentaxes segundo o número de habitantes do concello solicitante. Así, a Xunta de Galicia asume ata o 50% do custo dos espectáculos en municipios de menos de 20.000 habitantes, cunha contía máxima de 2.500 euros por adxudicación, e ata o 40% nas entidades que superen esta poboación, cun límite de 3.500 euros por axuda.

Convocatoria para o rexistro de espectáculos

Para confeccionar a súa programación como parte de Cultura no Camiño 2025, cada entidade subvencionada deberá contratar un mínimo de dúas actuacións a partir dun catálogo específico cos espectáculos que se rexistren a partir da convocatoria que a Axencia Galega das Industrias Culturais abrirá este luns 17. Como en anos anteriores, as propostas artísticas deberán achegarse a través da plataforma galescena.gal por parte de compañías escénicas ou grupos de música profesionais con sede en Galicia.

O programa Cultura no Camiño ten revalidado nos últimos anos o seu papel como dinamizador da oferta cultural e de ocio ao pé do Camiño de Santiago durante os meses de maior afluencia de visitantes, ademais de como impulsor da contratación de espectáculos profesionais producidos na nosa Comunidade. Así, no verán de 2024 a 12ª edición desenvolveu unha carteleira con máis de 300 citas escénicas e musicais en 88 municipios a cargo de 140 formacións artísticas galegas. 

Comparte