Nova: A TVG emitirá tres pezas audiovisuais que lle achegarán a figura de Filgueira Valverde á cidadanía
05/05/2015
A TVG emitirá tres pezas audiovisuais que lle achegarán a figura de Filgueira Valverde á cidadanía
A Secretaría Xeral de Cultura e a TVG colaboran para difundir entre a cidadanía a obra do escritor homenaxeado coas Letras Galegas 2015
As tres montaxes, creadas a partir de textos de Filgueira, difundiranse no medio da programación durante a vindeira semana e tamén estarán accesibles en cultura.gal
Santiago, 5 de maio de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Televisión de Galicia colaboran un ano máis para lle achegar á cidadanía a figura homenaxeada coas Letras Galegas.A canle autonómica emitirá, a partir da semana que vén, tres pezas audiovisuais con textos de Xosé Filgueira Valverde, para favorecer a difusión social da obra do escritor ao que se lle dedica en 2015 o 17 de maio, segundo anunciaron esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora-xerente da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, nunha rolda de prensa que tivo lugar na Cidade da Cultura.
“Trátase de tres pezas audiovisuais realizadas a partir de fragmentos de textos do escritor que se acompañan de imaxes suxestivas para animar os espectadores a ler e a descubrir a prolífica obra de Filgueira Valverde”, afirmou Anxo Lorenzo, que incidiu na dificultade desta selección dada a “inxente obra do escritor pontevedrés, que nos legou máis de 2.000 publicacións sobre ámbitos como a historia, a arqueoloxía, a lingua, a literatura, a antropoloxía e a arte, xunto con destacadas creacións literarias”.
Selección de textos
Unha das pezas, segundo explicou, baséase nunha das entregas dos Adrais, concretamente no quinto volume, cun texto sobre a lingua galega. Outro dos textos empregados é “A Escolma”, arredor dos nomes do río e a riqueza da linguaxe, publicado na obra ‘Quintana viva’. A terceira peza recupera unha das ‘Seis canciones de mar in modo antico’, escritas por Filgueira seguindo o modelos das cantigas medievais e que se encadran no movemento do neotrobadorismo. Trátase, concretamente da composición que fai referencia a San Cremenço do mar, musicada por Roxelio Groba.
As Letras Galegas, en cultura.gal
Estas creacións audiovisuais, que foron realizadas por Algarabía, enmárcase na programación promovida pola Xunta de Galicia para contribuír coa celebración das Letras Galegas e favorecer o coñecemento entre a cidadanía da vida e da obra da figura á que a Real Academia Galega lle dedica o 17 de maio.
Edicións conmemorativas, exposicións itinerantes, a páxina web oficial de Filgueira e iniciativas de divulgación nas redes sociais, traducións da súa obra a outros idiomas, mostras bibliográficas nas bibliotecas centrais territoriais de toda Galicia, obradoiros para os máis pequenos e actuacións musicais son algunhas das propostas que centran a programación das Letras Galegas 2015, que se pode consultar na Axenda de Cultura a través do enderezo web cultura.gal