Nova: A Xunta inicia o procedemento para declarar Ben de Interese cultural o convento do Bon Xesús da Limia

19/02/2025

A Xunta inicia o procedemento para declarar Ben de Interese cultural o convento do Bon Xesús da Limia

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución de incoación, o que supón a protección inmediata deste ben localizado no concello de Xinzo da Limia

A resolución recoñece o valor arquitectónico, artístico e histórico deste conxunto construído no século XVI no que destacan a igrexa, as infraestruturas hidráulicas ou os retablos, entre outros

A proposta deberá resolverse definitivamente no prazo máximo de 24 meses

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o expediente de incoación para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de monumento, o Convento do Bon Xesús da Limia, o que supón a aplicación provisional do réxime de tutela previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e, polo tanto, a protección inmediata este inmoble localizado no concello de Xinzo de Limia.

A documentación aportada na declaración establece que o conxunto construído no século XVI merece este recoñecemento pola súa natureza singular e senlleira na que concorren os valores arquitectónico, artístico e histórico. No texto destácase a calidade construtiva da cantería que se amosa tanto na igrexa, como nas infraestruturas hidráulicas que abastecían a facenda. Tamén bens inmobles artísticos de gran valor como son os cinco retablos de madeira ou o patrimonio inmaterial relacionado, como as lendas que tratan de explicar a fundación deste convento.

Deste xeito, a incoación do expediente é posible porque este convento é un dos edificios históricos máis significativos da comarca da Limia e está considerada unha obra de transición entre o gótico tardío e o primeiro renacemento galego, de cuxa etapa non hai unha gran representación en Galicia. Ademais, a súa publicación no DOG supón a aplicación inmediata, provisional ata a súa aprobación definitiva, nun prazo máximo de dous anos, seguindo a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia e, polo tanto, a máxima protección e tutela.

O inicio do expediente para declarar BIC o convento do Bon Xesús da Limia reflicte o importante compromiso do Goberno galego por protexer, conservar e poñer en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade. Así o demostran os 110 bens declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, acadando Galicia un total de 783 Bens de Interese Cultural.

A delimitación do ben inclúe as partes edificadas ou que o estiveron no seu momento, por tratarse dunha construción que, pese a ter diferentes partes, é moi compacto e con límites ben definidos como son a igrexa, as dependencias monacais co seu claustro e as edificacións anexas do convento. Inclúense na parte sur o espazo pechado da horta e na posterior as zonas que abranguen o forno, a alvariza e as infraestruturas hidráulicas, que contan coa fonte arcada, as canles de pedra, a fonte de cano, as pías, os alxibes e os dous mananciais que servían a esta construción.

O Convento do Bon Xesús da Limia foi construído a principios do século XVI e contou co eclesiástico Alonso de Piña como promotor e ao mestre Bartolomé Nosendo como director das obras. Foi rexido pola orde franciscana e mantivo a súa función ata o século XIX, cando foi abandonado e pasou a mans privadas. A pesar de terse deteriorado polo paso do tempo e os espolios, a igrexa chegou á actualidade en boas condicións.

Comparte