Nova: A Rede Galega de Música ao Vivo ofrece preto de 50 concertos de 36 artistas e grupos ata agosto

19/02/2025

A Rede Galega de Música ao Vivo ofrece preto de 50 concertos de 36 artistas e grupos ata agosto

A Xunta de Galicia subvenciona o 100% das actuacións ao abeiro deste circuíto, ademais de cofinanciar o resto da programación musical das seis salas asociadas

Antía Muíño, PAVA, Alana, Catuxa Salom, Faltriqueira, Ataque Escampe ou Espiño son algúns dos nomes que forman parte da oferta para a primeira metade de ano, integramente galega e con gran protagonismo feminino

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2025

A Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto de concertos impulsado pola Xunta en seis salas privadas das catro provincias, atópase en pleno desenvolvemento do seu primeiro período de programación anual, que arrancou en xaneiro e se estenderá ata primeiros de agosto para ofrecer 49 citas de 36 solistas e bandas galegas.

A Pousada da Galiza Imaxinaria en Boiro, La Room en Ferrol, Club Clavicémbalo en Lugo, Guión Clube en Pontedeume, La Pecera en Vigo e A Arca da Noe en Vilar de Santos son os seis espazos que acollen esta variada oferta musical, integramente galega e con gran protagonismo feminino. No que vai de ano, xa teñen actuado ao seu abeiro Valentín Caamaño, MJ Pérez, Espiño, Su Garrido Pombo, Sabela King & The Heartbreakers, Cora, Blues do País, Jay Doe & The Blues Preachers, Me & The Michaels, Sr. Salvaje, Marcos Mella e Roger de Flor.

A programación continúa en marzo cos directos de Cherry Sweet o día 3 e de Faltriqueira o día 7 no Clavicémbalo. Na sala La Room, haberá concerto de Valentín Caamaño o día 15 e de Blues do País o 22, mentres que, nestas mesmas datas, tocarán no Guión Clube Ataque Escampe e Músculo!, respectivamente. La Pecera programa The Lákazans o día 14, Blues do País o 15 e Espiño o 22. O 16 de marzo Alana actuará na Arca da Noe e A Pousada da Galiza Imaxinaria acolle a Martin Human o día 16 e PAVA o 29.

Ata primeiros de agosto, moitos destes nomes volverán subirse aos escenarios da Rede Galega de Música ao Vivo, polos que tamén pasarán David Fermoselle, Anxo Araújo, Maricarme, Uxía, Habitación Vudú, Coanhadeira, Maraya Zydeco, The Spoonfuls, Sanny, Manu Gómez New Orleans Band, Fran Lage, Ukestra do Medio, Rockers Go to Hell, Antía Muíño, Moon Cresta, Catuxa Salom, Leria e Carabela.

Convocatoria de axudas

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude financia ao 100% a programación da Rede Galega de Música ao Vivo a través dunha convocatoria bienal de axudas dirixida a salas privadas, que inclúe tamén o apoio ao resto da súa programación e para a que reservou unha dotación de 400.000 euros na temporada 2024-2025. Ao abeiro deste circuíto autonómico, as devanditas seis salas programaron outros 44 concertos durante o segundo semestre de 2024.

A prioridade desta convocatoria é garantir a estabilidade na oferta musical en directo, máis alá de eventos de gran formato como os festivais, ao tempo que se impulsa a contratación de solistas e grupos galegos e a presenza nos carteis de artistas femininas.

Comparte