Nova: Xunta e Deputación de Pontevedra celebran a alta participación cidadá para os usos do Teatro Fraga con máis de 300 propostas na caixa de correos virtual

19/02/2025
Xunta e Deputación de Pontevedra celebran a alta participación cidadá para os usos do Teatro Fraga con máis de 300 propostas na caixa de correos virtual
López Campos e Luisa Sánchez agradecen as “valiosas achegas”, onde destacan as vencelladas coas artes escénicas, co cinema e coa aposta pola creación local
Salientan o éxito desta iniciativa para implicar a cidadanía na folla de ruta para convertelo nun centro cultural referente para a cidade, Galicia e o norte de España
O proceso, incluído na campaña ‘O mellor espazo busca o mellor contido’, completouse con xuntanzas sectoriais con colectivos e representantes do sector
Vigo, 19 de febreiro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, celebraron hoxe a “alta participación e implicación cidadá” para enriquecer o plan de usos do Teatro Cine Fraga, tras ter recibido máis de 300 propostas na caixa de correos virtual, aberta a suxestións desde finais de agosto ata o pasado mes outubro.
“Sentímonos máis que satisfeitos co enorme interese e as valiosas achegas recibidas”, agradeceron ambos os dous representantes institucionais nun acto, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, con entidades e persoas que participaron neste proceso aberto á cidadanía. Ao respecto, o responsable de Cultura da Xunta aseguroulles que estas propostas de programación serán de “grande utilidade” no deseño do “chamado a ser un centro cultural pioneiro e referente na Comunidade galega e no noroeste peninsular".
López Campos valorou a “diversidade de propostas recibidas” a través desta iniciativa virtual, que forma parte da campaña O mellor espazo busca o mellor contido, que se viu completada a longo de todos estes meses con reunións presenciais por parte da Xunta e da Deputación de Pontevedra con representantes dos diferentes axentes culturais, sociais e económicos da cidade. Dentro desta diversidade, o conselleiro fixo fincapé no número importante de achegas de programacións vencelladas sobre todo ás artes escénicas, ao cinema ou que poñen o foco en darlle espazo e visibilidade á creación local.
Recuperación dun patrimonio cultural
De igual xeito, destacou que unha gran parte das suxestións enviadas foron na liña de demandar a recuperación do Teatro Cine Fraga como parte do patrimonio cultural da cidade, seguidas daquelas centradas en reivindicalo como espazo para paliar un baleiro cultural que consideran existente na actual oferta da cidade.
Ademais, salientou como “tremendamente significativo do éxito desta iniciativa” o feito de que unha porcentaxe relevante das achegas fosen só de agradecemento á Xunta e á Deputación de Pontevedra por ter posto en marcha esta iniciativa de participación da cidadanía. “Coido que a campaña foi máis que certeira. O afecto colectivo que esperta a recuperación deste emblemático edificio merecía que se vise dalgún xeito reflectido no que será o seu futuro plan de usos”, aseverou o conselleiro.
Programación ambiciosa, incluídas iniciativas de carácter internacional
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é coñecedora da relevancia incuestionable que supón para a cidade de Vigo e tamén para o tecido cultural de Galicia reabrir o Teatro Fraga. A súa recuperación supón dispor dun inmoble con salientables características en canto a tamaño e diversidade de espazos interiores. Consecuentemente, tanto Vigo como Galicia gañarán coa materialización deste proxecto un vector cultural moi significativo, apto para desenvolver programacións ambiciosas e relevantes, incluídas iniciativas de carácter internacional.
O que se prevé é aproveitar ao máximo as instalacións xa levantadas para levar a cabo unha variada programación que incluirá eventos e espectáculos que esixen unhas dimensións como as que ofrece o inmoble, proxectos baseados na exhibición, a creación e a participación ou a instalación de propostas culturais e creativas de relevancia.
Compromiso do Goberno galego con Vigo
O antigo Teatro Cine Fraga foi ideado hai máis de 80 anos por encargo de Isaac Fraga Penedo, un dos exhibidores cinematográficos máis importantes de Galicia naquela época.
A súa recuperación é un exemplo do compromiso do Goberno galego coa cidade de Vigo e tamén co apoio e pulo ao seu tecido cultural como xa se fixo coa execución do Hospital Álvaro Cunqueiro, a reforma do Hospital Xeral de Vigo para acoller a Cidade da Xustiza ou como coas obras de rehabilitación do edificio dos antigos xulgados da rúa Lalín que porá á disposición da cidadanía un edificio multiúsos para darlle espazo a entidades socioculturais, ademais do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia.