Nova: López Campos anima a redescubrir o legado de Lamazares a través do catálogo que recompila a súa traxectoria

21/02/2025
López Campos anima a redescubrir o legado de Lamazares a través do catálogo que recompila a súa traxectoria
O volume ‘Lamazares. Inda é día’ contén imaxes das pezas que estiveron expostas o pasado ano no Centro Galego de Arte Contemporánea
Comisariada por António Gonçalves e composta por arredor de 230 obras, a mostra recibiu máis de 31.000 visitas
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude lembra que o autor é unha das figuras máis senlleiras do contexto artístico galego
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe o catálogo Lamazares. Inda é día, onde animou á cidadanía a redescubrir o legado deste pintor lalinense a través da publicación que recompila algunhas das obras máis icónicas e destacadas da súa traxectoria ao longo de 50 anos.
No acto, celebrado no Centro Galego de Arte Contemporánea, o titular de Cultura explicou que se trata dun volume que contén imaxes das 230 obras expostas o pasado ano neste centro no que se ofreceu “a máis ampla visión da linguaxe pictórica deste autor con selo único a través de diferentes etapas”. “Lamazares é un artista único cun gran potencial creativo que era de xustiza homenaxear, divulgar e mostrar”, salientou López Campos antes de lembrar que así se fixo en 2024 cunha mostra que ocupou todos os espazos do CGAC e que recibiu máis de 31.000 visitantes entre os meses de febreiro e agosto.
Neste senso, o conselleiro puxo en valor a importancia de Antón Lamazares no ámbito das artes plásticas cunha carreira de máis de 50 anos que o levou a converterse nunha das figuras máis senlleiras do contexto artístico de Galicia e España “pola súa dedicación, orixinalidade, investigación, estudo e desenvolvemento no seu traballo”. “Todo un referente para os novos creadores que agora todos podemos redescubrir a través deste volume”, apuntou.
A celebración contou coa presenza do que foi comisario da mostra, António Gonçalves, do propio artista, Antón Lamazares, e do cantautor, Amancio Prada. Estes dous últimos compartiron unha charla sobre o que significaron as súas traxectorias artísticas, ambas de máis de medio século, poñendo o broche final da xornada cunha actuación musical.
Catálogo con múltiples voces
Tanto a exposición como o catálogo son o resultado dunha laboriosa tarefa de investigación sobre a viaxe persoal e artística deste autor co fin de exhibir a súa sabedoría e fondura intelectual. Esta recompilación conta con múltiples voces chegadas de ámbitos tan diversos como a historia da arte, a crítica ou a poesía como son o comisario da exposición, António Gonçalves, ou outros persoeiros como Juan Carlos Mestre, Ángela Molina, Gloria Moure e Bernardo Pinto de Almeida. A través das súas páxinas o libro, dispoñible en galego, castelán e inglés, propicia unha apreciación actualizada da orixinalidade da obra de Lamazares.