Nova: Conversa entre o artista Manuel Vilariño e Arantxa Romero nas xornadas do CGAC Insultarte

07/05/2015

Conversa entre o artista Manuel Vilariño e Arantxa Romero nas xornadas do CGAC Insultarte

O Centro Galego de Arte Contemporánea ofrecerá ao público, hoxe e venres, unha iniciativa estruturada nun taller e dúas sesións teóricas sobre a xestión, o financiamento e a presentación de proxectos culturais

Vilariño presentará un libro mañá ás 19,30 horas na biblioteca do centro
 

  • As xornadas Insultarte programan unha conversa entre o artista Manuel Vilariño e Arantxa Romero As xornadas Insultarte programan unha conversa entre o artista Manuel Vilariño e Arantxa Romero

Santiago, 7 de marzo de 2015.- O CGAC presenta hoxe a segunda edición das Xornadas ‘Insultarte’, dirixidas polos artistas Vanesa Castro, Iñaki López e Juan Lesta. Unha proposta completa de actividades destinada a estudantes e traballadores dos ámbitos da cultura e da creación, cuxo obxectivo é orientalos sobre cuestións laborais, fiscais e de xestión.

Hoxe e mañá venres, en horario de 11.00 a 14.30 horas, desenvolverase o ‘Taller 015’ co fin de asesorar aos asistentes sobre os seus proxectos. Tomando como referencia os seus casos reais, os directores daranlles as claves e as pautas precisas para que estes poidan enfocar os seus proxectos no ámbito legal, saiban orzar, protexer as súas creacións ante posibles plaxios ou roubos e conseguir que as súas creacións teñan maiores posibilidades de éxito, consigan financiamento e estean ben expostas. Para participar no taller é necesario inscribirse con antelación.

Ademais, hoxe, de 17.00 a 20.30 horas, terá lugar o ‘Visionado 01’5. Abordaranse temas fundamentais do ámbito cultural e artístico tras exhibir fragmentos de películas e documentais que versarán sobre o mito e a figura do artista ou creador, a propiedade intelectual e os dereitos de autor, os tipos de licencias e entidades de xestión e as creacións en internet e nas redes sociais.

O venres, no mesmo horario, os participantes poderán asistir á sesión ‘Datos 015’. Neste bloque analizaranse os datos obtidos na enquisa Insultarte 2015 e noutros estudos para que os asistentes se formen o seu propio criterio sobre a actualidade do sector cultural en España. A entrada ás dúas sesións de tarde é libre e gratuíta ata completar as localidades.

Presentación libro e conversa
Por outra banda, hoxe ás 19.30 horas tamén se presentará o libro ‘Imágenes poéticas de la fotografía española. Las visiones de Chema Madoz y Manuel Vilariño’ publicado este ano pola editorial CENDEAC. O propio artista, Manuel Vilariño, e a historiadora da arte e autora do libro, Arantxa Romero, conversarán na biblioteca arredor do seu contido e sobre a exposición ‘Tectónica’, que se exhibe no CGAC.

Comparte