Nova: O Centro Dramático Galego súmase ás celebracións do Día de Rosalía coa estrea en Portugal dunha coprodución sobre a poeta

22/02/2025
O Centro Dramático Galego súmase ás celebracións do Día de Rosalía coa estrea en Portugal dunha coprodución sobre a poeta
O espectáculo ‘Rosalía, cartografía de ásperas ortigas.’ presentarase a vindeira semana en Castelo Branco e chegará ao Salón Teatro en abril
O compostelán Roberto Salgueiro dirixe e asina a dramaturxia deste proxecto do colectivo luso ASTA-Teatro e Outras Artes coa compañía pública galega
Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2025
O Centro Dramático Galego e o colectivo portugués ASTA-Teatro e Outras Artes coproducen a montaxe Rosalía, cartografía de ásperas ortigas., mediante o que se suman ás actividades de conmemoración do 188º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro coa estrea do espectáculo o vindeiros 27 e 28 de febreiro no Cine-Teatro Avenida da localidade lusa de Castelo Branco.
Coa dirección escénica e dramaturxia do compostelán Roberto Salgueiro á fronte de catro intérpretes galegos e portugueses, as dúas compañías crean unha proposta teatral actual que reflicte o pensamento e o legado da poeta padronesa. Así, a partir de textos e, sobre todo, versos da escritora tomados de Cantares Gallegos, Follas Novas e En las orillas del Sar, construíuse durante os ensaios un texto literario propio que afonda na transcendencia da autora.
O espectáculo está interpretado por Antía Cortegoso, Sérgio Novo, Alberto Medeiros e Marta Casais e nel cobra importancia o espazo sonoro achegado por varios instrumentos, as coreografías interpretadas polo elenco e un espazo escénico cuberto de flores.
Despois da súa estrea en Castelo Branco, Rosalía, cartografía de ásperas ortigas. representarase noutras dúas localidades lusas: Covilhã (Teatro Municipal, do 6 ao 8 de marzo) e Gouveia (Cine-Teatro, 29 de marzo). O Salón Teatro de Santiago de Compostela, sede do Centro Dramático Galego, que xa acolleu parte dos ensaios no mes de xaneiro, ofrecerá tres funcións do espectáculo do 26 ao 28 de abril.
Con este proxecto, a unidade teatral da Xunta de Galicia continúa a impulsar e participar en proxectos compartidos con compañías e profesionais do país veciño, nunha ampla e intensa actividade común da que forman parte nos últimos anos espectáculos como Frágua de amor, Manuela Rey Is In Da House, Territórios de liberdade, Entrepalav-bras, Na hora dos cans ou Ifixenia, entre outros.