Nova: A Xunta organiza na Biblioteca de Lugo un ‘escape room’ para escolares sobre a figura de Castelao

24/02/2025
A Xunta organiza na Biblioteca de Lugo un ‘escape room’ para escolares sobre a figura de Castelao
O delegado territorial, Javier Arias, subliñou a boa acollida que está a ter entre os colexios esta proposta, que se desenvolverá entre o 10 de marzo e o 21 de abril
Lugo, 24 de febreiro de 2025
A Xunta de Galicia organiza un “escape room” para escolares de sexto curso de Educación Primaria de Lugo arredor da figura de Castelao, que se desenvolverá na Biblioteca Pública entre o 10 de marzo e o 21 de abril.
O delegado territorial, Javier Arias, presentou hoxe a iniciativa, que combina xogo e literatura para implicar aos rapaces e rapazas na celebración do Ano Castelao, resolvendo misterios e retos baseados nos seus textos, ilustracións e ideais. No acto participaron tamén o director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández; a xefa do Servizo de Coordinación Cultural, Águeda Valín, e a directora da Biblioteca, María Isabel Pérez.
Arias destacou a boa acollida que está a ter a proposta entre os colexios do municipio, con trece centros anotados ata o momento. O prazo de inscrición remata o vindeiro venres, día 28.
“Pescudando en Castelao. O tesouro das cousas” propón un xogo de pistas que cada grupo de alumnos deberá resolver no prazo dunha hora. Os participantes, "detectives literarios", deberán adentrarse na Biblioteca para descifrar unha serie de enigmas baseados na vida e obra de Castelao. A meta é descubrir unha mensaxe oculta que o autor deixou nos seus escritos e debuxos, e só superando todos os pasos poderán desbloquear a mensaxe final antes de que remate o tempo.
O obxectivo do xogo é transmitir ás novas xeracións a relevancia da obra de Castelao e potenciar o interese pola literatura galega, constatando o seu importante papel na consolidación da identidade cultural de Galicia.
O proxecto parte da Dirección Territorial de Cultura e da Biblioteca Pública para fomentar o uso deste espazo como centro cultural entre a mocidade, cunha experiencia que reforza o traballo en equipo e estimula as habilidades para a resolución de problemas. Podería estenderse no futuro a outros puntos da provincia en función dos resultados que se obteñan nesta convocatoria.