Nova: Os Premios Martín Códax da Música volven contar co apoio da Xunta na difusión do talento galego

26/02/2025
Os Premios Martín Códax da Música volven contar co apoio da Xunta na difusión do talento galego
A Asociación Músicas ao Vivo organiza a 12ª edición dos galardóns, na que o público será protagonista tras os bos resultados da súa participación nas votacións de 2024
A gala de entrega desenvolverase o vindeiro 28 de maio en Pontevedra e terá unha estreita relación coa celebración do Día das Letras Galegas, dedicado ás cantareiras e á poesía oral tradicional
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2025
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe no anuncio da 12ª edición dos Premios Martín Códax da Música, para os que a asociación Músicas ao Vivo volve contar co apoio económico da Xunta de Galicia en recoñecemento á súa consolidación como plataforma de difusión do talento musical galego.
A sala Capitol de Santiago de Compostela acolleu a comunicación do lanzamento da convocatoria de 2025, na que o público xogará de novo un papel fundamental na elección dos proxectos premiados. Segundo os datos da organización, preto de 4000 persoas participaron na rolda de votacións de 2024, ano no que por vez primeira se posibilitou esta participación externa.
O responsable de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude interveu nesta presentación xunto á cantante Sheila Patricia, presidenta de Músicas ao Vivo; Tomás Díez, vogal da directiva, e unha representación do resto de institucións e empresas colaboradoras. Sutil felicitou a organización por esta nova convocatoria, que referenda o papel dos Martín Códax como escaparate da diversidade e a calidade da música que se fai en Galicia, así como da industria que se desenvolve ao seu redor. Neste sentido, lembrou a importancia de iniciativas que, como estes recoñecementos, contribúen á posta en valor e maior proxección social deste sector.
Inscricións ata o 23 de marzo
O calendario de actividades vinculadas aos Premios Martín Códax da Música arrancará o vindeiro 3 de marzo coa apertura ata o día 23 dese mes do período de inscrición para bandas e artistas. Nos últimos anos, veñen rexistrándose máis de catrocentas propostas nas quince categorías musicais habilitadas en cada convocatoria.
Unha vez rematado este prazo, o xurado profesional valorará as candidaturas nun proceso que se desenvolverá durante o mes de abril e do que sairán tres finalistas por apartado. Xa en maio, abriranse as votacións ao público e ás persoas asociadas a Músicas ao Vivo.
O 28 de maio darase a coñecer o nome dos gañadores deste ano no transcurso da gala de entrega, que volverá ter lugar de Pontevedra e que, segundo adiantou a organización, gardará estreita conexión co Día das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras e á poesía oral tradicional. No evento desvelaranse, ademais, os premios Artista Emerxente e Organistrum para salas, festivais e proxectos de comunicación e difusión musical.