Nova: A Xunta amosa a capacidade creativa de Galicia no eido das artes dixitais cunha experiencia inmersiva no Gaiás sobre as orixes da vida no planeta

27/02/2025
A Xunta amosa a capacidade creativa de Galicia no eido das artes dixitais cunha experiencia inmersiva no Gaiás sobre as orixes da vida no planeta
Orixes propón unha viaxe a través da evolución da vida no planeta Terra, ao tempo que promove a conciencia medioambiental, especialmente entre as xeracións novas
López Campos subliñou que a instalación “é unha mostra do talento galego nun sector punteiro como a realidade virtual” remarcando a aposta da Xunta por situar a Galicia na vangarda deste eido co futuro Centro de Artes Dixitais
A experiencia deseñouse atendendo aos criterios de cultura inclusiva e accesible, eliminando barreiras arquitectónicas e incorporando elementos como chalecos táctiles de vibración, que melloran as sensacións da experiencia en persoas xordas
As entradas para Orixes, que pode visitarse na Cidade da Cultura entre o 28 de febreiro e o 26 de outubro están xa á venda, ao igual que as reservas para centros escolares, que poden acceder de balde a esta experiencia
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura unha nova instalación inmersiva que combina creatividade e tecnoloxía nunha aposta por achegar ao público galego experiencias innovadoras no eido das artes dixitais. Orixes propón ás persoas visitantes unha viaxe a través da evolución da vida no planeta Terra, ao tempo que promove a conciencia medioambiental, especialmente entre as xeracións máis novas.
O titular de Cultura do Goberno galego subliñou o apoio da Xunta de Galicia ao talento galego dun sector emerxente e punteiro como son as tecnoloxías de realidade virtual e realidade aumentada, no que traballan profesionais de ámbitos como o audiovisual, a animación, a programación, ou a enxeñaría de son, entre outros moitos. “Orixes é unha mostra máis de todo o potencial que ten o sector da creación dixital en Galicia, un eido no que aspiramos a situarnos na vangarda co Centro de Artes Dixitais, que remata as súas obras este mesmo ano aquí na Cidade da Cultura”, lembrou López Campos.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude quixo destacar ademais o carácter accesible desta aventura dixital, concibida para todos os públicos en liña cos obxectivos da nova Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, “cunha escenografía sen barreiras arquitectónicas e o emprego de chalecos táctiles de vibración que melloran a experiencia sensorial, especialmente no caso de persoas xordas ou con dificultade auditiva”, explicou.
O representante da Xunta de Galicia convidou así a toda a cidadanía galega a poñer as lentes de realidade virtual e vivir esta experiencia, que ademais se ofrece de balde aos centros de ensino, “co obxectivo de que o colectivo escolar, a partir de cuarto curso de Educación Primaria, poida acceder sen limitacións a cunha instalación que cremos ten un enorme potencial didáctico para os nenos e nenas”, remarcou López Campos.
Unha viaxe virtual a través de millóns de anos
Orixes, que abre as súas portas ao público mañá venres no primeiro andar do Museo Centro Gaiás, propón unha viaxe no tempo a través de máis de catro mil millóns de anos, levándonos ata as mesmas orixes da Terra. Atravesa así momentos clave da evolución das especies que poboaron o planeta: a explosión da vida nos océanos, a proliferación dos grandes bosques terrestres, a evolución dos anfibios e, despois, dos réptiles, os grandes dinosauros ou a aparición dos antecesores dos primeiros mamíferos.
Durante este percorrido, as persoas visitantes poden descubrir seres xa extintos, pero tamén outros que habitan o noso planeta desde moito antes que o ser humano. Orixes atravesa ademais eventos catastróficos nos que a vida na Terra se enfrontou á súa extinción, lanzando ao público unha reflexión sobre a capacidade da humanidade para influír no destino do planeta.
Experiencia interactiva e punteira
A instalación aposta polo emprego da tecnoloxía de realidade mixta, na que as capas de realidade virtual se superpoñen á arquitectura física ao longo dun percorrido por máis de 1.200 m2 de superficie do primeiro andar do Museo Centro Gaiás. Deste xeito, provistas das lentes de realidade virtual, as persoas visitantes poden ver e camiñar por ambos mundos, o físico e o dixital. Os chalecos táctiles de vibración que emprega a instalación potencian ademais o son ambiente da experiencia, incrementando a sensación de inmersión durante o percorrido.
A través dunhas mans virtuais, as persoas visitantes poden interactuar de maneira sinxela e intuitiva coas especies recreadas nesta aventura dixital, mentres coa guía dunha voz en off —en galego, castelán e inglés— se lles van revelando detalles sobre o devir da Terra ao longo de dioivos, impactos de meteoritos ou grandes erupcións volcánicas.
Talento galego na arte dixital
O director do proxecto, Carlos Seijo, explicou no acto de apertura que as recreacións das especies animais e vexetais de Orixes están realizadas cunha plasticidade “que busca a compoñente artística fronte ao hiperrealismo, a empatía coa vida que latexa dentro de cada especie, sempre co obxectivo —compartido coa súa predecesora Hábitats— de aguilloar as conciencias”, remarcou.
Con esta nova instalación inmersiva, a Cidade da Cultura amplía a súa oferta de contidos vencellados á arte dixital e ás novas tecnoloxías, logo de Hábitats. Natureza estendida, das experiencias de realidade virtual incluídas no catálogo do Galiverso ou da pioneira Carne y Arena, creada polo oscarizado director mexicano Alejandro González Iñárritu.
Orixes está producida polo estudio galego Maxina, especializado no campo das artes visuais, o modelado e animación 3D, que realizou proxectos para institucións e empresas galegas e españolas próximas á ciencia, a arte, a innovación e a cultura, como Afundación, Netflix, Ferrovial, Xunta de Galicia ou o Guggenheim de Bilbao, entre outras.
A instalación é accesible a todo o público a partir de 8 anos de idade e as entradas están xa á venda a un prezo de 5 euros (máis gastos de xestión) a través de Ataquilla e do despacho de billetes do Museo centro Gaiás. Tamén se pode xa reservar quenda, de balde, para a visita dun grupo escolar, a través da web da Cidade da Cultura.