Nova: A Xunta participa na Coruña na primeira xornada dedicada á formación e a mentoría da mocidade galega na industria musical

04/03/2025

A Xunta participa na Coruña na primeira xornada dedicada á formación e a mentoría da mocidade galega na industria musical

O proxecto O camiño do emprendemento musical compaxinará eventos presenciais e mentorías con artistas e profesionais do sector dirixidos ás mozas e mozos galegos que estean a barallar este campo como unha saída profesional

A Coruña, 3 de marzo de 2025

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, xunto coa directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, participou hoxe na xornada piloto do proxecto O camiño do emprendemento musical organizada por Wake Up e impulsada pola Xunta de Galicia. Con esta iniciativa, preténdese introducir, instruír e mentorizar ás mozas e mozos galegos que estean a barallar a industria musical e de eventos como unha saída profesional, compaxinando eventos presenciais e mentorías con artistas e profesionais do sector.

Este proxecto -que conta coa colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude- enmárcase no compromiso estratéxico do Goberno autonómico con potenciar as oportunidades laborais da mocidade, ao tempo que promove o espírito emprendedor entre a comunidade máis nova para avanzar no impulso de proxectos innovadores que dinamicen o territorio e impacten na xeración de riqueza e emprego.

A xornada de hoxe contou coa presenza de cinco profesionais do sector, desde artistas ata promotores, técnicos de son e luces ou persoal de comunicación e prensa comezando cunha charla coloquio sobre como iniciarse na industria musical, a situación actual e as barreiras a enfrentar e rematando coa asignación a cada un dos participantes , en función do seu interese profesional, dun mentor para ter unha experiencia máis específica e persoal.

Comparte