Nova: López Campos salienta a “diversidade e riqueza patrimonial” das diferentes celebracións do entroido galego, recoñecido como Ben de Interese Cultural

04/03/2025
López Campos salienta a “diversidade e riqueza patrimonial” das diferentes celebracións do entroido galego, recoñecido como Ben de Interese Cultural
A Estrada (Pontevedra), 4 de marzo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe a “diversidade e riqueza para o patrimonio inmaterial” de Galicia das diferentes celebracións existentes do Entroido galego, que acaba de ser recoñecido pola Xunta como Ben de Interese Cultural. Fíxoo durante a súa asistencia ao Encontro e Vivas dos Xenerais da Ulla de Cousos, que ademais ten consideración de Festa de Interese Turístico de Galicia.
Precisamente, o responsable de Cultura do Goberno galego apuntou este festexo como “unha clara demostración da pluralidade desta celebración”, da que valorou que é “unha das máis estendidas polo territorio galego e tamén das máis queridas e populares“. Por este motivo, destacou que é de “xustiza” esta máxima protección pola “súa fonda pegada histórica, etnográfica e cultural”. Ademais, celebrou que, con esta aprobación, son xa 784 os Bens de Interese Cultura existentes en Galicia. Deles, 111 foron declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, “unha cifra que reflicte o importante compromiso do Goberno por protexer, conservar e pór en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade”, concluíu.