Nova: A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acollerá o 6 de abril un festival no que actuarán tres coros xuvenís

05/03/2025

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acollerá o 6 de abril un festival no que actuarán tres coros xuvenís

Lugo, 5 de marzo de 2025

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acollerá o domingo 6 de abril o festival Primaveira de Voces Xoves, no que actuarán os coros xuvenís de Lugo, O Rosal e Campo Lameiro.

O delegado territorial, Javier Arias, reuniuse con Pablo Rico, presidente do Coro Xuvenil lucense e impulsor do evento, para avanzar na organización deste evento e estudar outras posibles colaboracións. As actuacións terán lugar no salón de actos do edificio administrativo a partir das 19.00 horas.

Dende a entidade promotora destacan que este tipo de accións axudan a divulgar a música coral en Lugo, ao tempo que contribúen á promoción da cidade entre os membros das agrupacións visitantes. Tamén favorecen a implicación da xente moza en espazos de formación artística, socialización e difusión da cultura galega.

Comparte