Nova: López Campos enxalza os valores de “galeguismo, pluralismo e tolerancia” da editorial Galaxia “compartidos coa cultura e sociedade galegas”

05/03/2025
López Campos enxalza os valores de “galeguismo, pluralismo e tolerancia” da editorial Galaxia “compartidos coa cultura e sociedade galegas”
Gaba o seu “papel crucial” na difusión, prestixio e posta en valor da nosa lingua que “fornecen e acompañan os importantes esforzos que fai a Xunta nesta liña”
Celebra a “feliz coincidencia” deste aniversario co ‘Ano Castelao’, no que se contará coa editora para a publicación das dúas versións de ‘Os vellos non deben de namorarse’
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou hoxe os valores de “galeguismo, pluralismo e tolerancia, que están no xermolo e cerna da Editorial Galaxia e que son compartidos coa sociedade e cultura galegas”. Así o salientou durante a súa participación, en Santiago de Compostela, da inauguración de Crear Porvir, exposición itinerante e conmemorativa do 75 aniversario do nacemento “dunha das institucións máis senlleiras da historia de Galicia”.
López Campos gabou o “papel crucial e fundamental” da editorial tanto na reconstrución histórica e cultural da Galicia da posguerra, como na “difusión, prestixio e posta en valor” da nosa lingua, ao longo destes tres cuartos de século de existencia. Neste senso, enxalzou a súa importante contribución a asentar as bases do sistema literario galego e en galego, “demostrando que o noso idioma podía e debía ser vehículo de expresión da nosa literatura”.
“A Galicia, a cultura e a lingua de hoxe teñen retos diferentes aos que se afrontaban hai 75 anos, pero o compromiso de Galaxia con todas elas segue intacto”, agradeceu o conselleiro, quen salientou a implicación e traballos nesta liña da editorial que “fornecen e acompañan os importantes esforzos que estamos a realizar desde a Xunta”. Ao respecto, apuntou a posta en marcha dun plan de 50 medidas para impulsar o uso e prestixio do galego en diversos eidos, o incremento dun 30 % da partida destinada a accións de dinamización lingüística nos orzamentos deste ano ou a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega xa en marcha, dentro da consecución dun gran pacto social pola lingua.
“Estamos nun momento único para unir forzas con todas as entidades e colectivos culturais de Galicia polo prestixio da nosa lingua, no que estou seguro que nunca vai faltar a man tendida, o traballo e o exemplo de Galaxia”, aseverou o responsable de Cultura do Goberno galego, quen subliñou os máis de 3.000 títulos da editorial cun catálogo vivo de máis de 2.000, “referencia histórica da edición en lingua galega”.
Coincidencia co ‘Ano Castelao’
Por outro lado, López Campos tamén celebrou a “feliz coincidencia” do 75 aniversario da Galaxia coa declaración neste 2025 do Ano Castelo. Precisamente, avanzou que, tendo en conta este festexo conxunto e a “relevancia simbólica” da editorial, esta será a encargada da publicación das dúas versión existentes de Os vellos non deben namorarse, emblemática obra teatral do escritor rianxeiro.
O representante da Xunta apuntou que esta edición é unha das iniciativas do variado programa ao redor do Ano Castelo do Goberno galego, que inclúe tamén unha exposición virtual e interactiva na Cidade da Cultura ou actividades nos centros escolares galegos, “que permitirán ao alumnado descubrir e afondar nas múltiples facianas dun dos persoeiros máis relevantes de Galicia”, salientou. Ao respecto, lembrou que o intelectual galeguista tamén forma parte do “amplo catálogo de autores clásicos e actuais de Galaxia”. “Temos por diante un ano de relevantes celebracións que debemos ver e ter en conta como importantes oportunidades para a nosa lingua, a nosa historia e nosa cultura”, concluíu.