Nova: A Xunta amplía a convocatoria da Residencia literaria da Cidade da Cultura a proxectos de narrativa, teatro e poesía en galego

06/03/2025
A Xunta amplía a convocatoria da Residencia literaria da Cidade da Cultura a proxectos de narrativa, teatro e poesía en galego
A escritora e xestora cultural, Eva Mejuto, asume a dirección desta nova etapa co obxectivo de ofrecer un espazo de aprendizaxes e un coñecemento 360º do mundo do libro
Participarán nesta edición, entre outras convidadas, as autoras Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023, e Inés Martín Rodrigo, gañadora do Premio Nadal 2022
O prazo de inscricións está aberto ata o 4 de abril de 2025 e a residencia desenvolverase entre o 30 de xuño e o 12 de xullo
O programa de apoio á creación literaria impulsado pola Xunta de Galicia no Gaiás suma xa cinco edicións e a participación de medio cento de escritores e escritoras
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2025
A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo de inscrición para a V Residencia literaria da Cidade da Cultura, que inicia unha nova etapa baixo a dirección da escritora e xestora cultural, Eva Mejuto. Esta nova convocatoria amplía a súa oferta para acoller, ademais de proxectos de narrativa, propostas teatrais e de poesía inéditos de autoras e autores emerxentes e escritos en galego.
Ofrécense un total de 10 prazas, sete delas reservadas para persoas nacidas en 1989 e anos posteriores, que queiran perfeccionar as súas obras co acompañamento de autoras e autores de primeiro nivel nas letras galegas e españolas.
Nesta edición da Residencia literaria participarán como convidadas, entre outras, a dramaturga, escritora e narradora oral Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023, e Inés Martín Rodrigo, xornalista e escritora galardoada co Premio Nadal de novela en 2022.
Poderán presentarse a esta convocatoria novelas, poemarios, obras dramáticas e coleccións de relatos, orixinais e inéditos, con independencia do seu estado de desenvolvemento. Para favorecer o traballo e posta en común, os proxectos non poderán ter aplicado a ningún premio literario no momento da inscrición nin durante a celebración da residencia.
A participación está dirixida a persoas nadas ou residentes en Galicia e o prazo de inscrición está aberto ata o 4 de abril de 2025. A residencia desenvolverase entre os días 30 de xuño e 12 de xullo de 2025 na Cidade da Cultura, cos gastos de aloxamento e manutención cubertos pola organización.
Mellorar a escrita e aprender a publicar
A V Residencia literaria busca facilitar tamén ás autoras e autoras noveis un coñecemento total do mundo do libro, abordando cuestións fundamentais como os dereitos de autoría, a edición, a distribución e o coñecemento do sistema literario. Traballarase con profesionais do sector aspectos como a presentación dunha obra a unha editorial, a análise de contratos ou a promoción dos libros. A experiencia completarase con actividades como roteiros literarios e maridaxes lectoras.
A posta en común de prácticas e coñecementos nun espazo de aprendizaxe e confianza mutuo segue a ser o piar fundamental dun proxecto que iniciou o escritor e profesor de escritura creativa Javier Peña en 2021, e polo que pasaron xa medio cento de escritoras e escritores.
Neste tempo, participaron na Residencia literaria da Cidade da Cultura figuras destacadas da literatura galega actual como Berta Dávila, Ledicia Costas, Marilar Aleixandre ou Brais Lamela, así como as autoras Sara Mesa, Marta Sanz, Brenda Navarro e Irene Solà, todas elas escritoras sobresaíntes nas letras españolas. Ademais, son xa cinco os proxectos de narrativa que ocupan os andeis das librarías logo do seu paso pola Residencia literaria da Cidade da Cultura.