Nova: López Campos gaba o labor dos reporteiros gráficos galegos que amosan os seus traballos en Madrid

06/03/2025
López Campos gaba o labor dos reporteiros gráficos galegos que amosan os seus traballos en Madrid
A mostra pode visitarse na Casa de Galicia ata o 28 de marzo, despois de ter pasado polas sete principais cidades galegas
Destaca o "gran traballo feito na nosa terra polos fotógrafos de prensa que nos axudan a coñecer e interpretar a realidade e a construír a nosa memoria colectiva”
Madrid, 6 de marzo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe na Casa de Galicia de Madrid a exposición A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego que, tal e como explicou durante o acto, “despois de pasar por diversos puntos do noso territorio, chega agora a este centro co apoio da Xunta para amosar por unha banda o gran traballo dos nosos profesionais neste eido, e por outra para falar da nosa terra desde unha perspectiva diferente ”.
Así, o representante do Goberno galego gabou e agradeceu o labor “de todas esas persoas que nos axudan a coñecer e interpretar a realidade máis alá das palabras” estendendo este recoñecemento “a todos os xornalistas que día a día nos informan a través dos medios de comunicación e contribúen a construír a nosa memoria colectiva”.
Ademais, o responsable de Cultura da Xunta felicitou á Asociación de Periodistas de Galicia por esta recompilación de traballos e apuntou que “esa ollada que nos ofrecen a través das súas cámaras os fotógrafos de prensa é tamén unha maneira de salvagardar a nosa historia dando conta dos acontecementos e fitos importantes” e de aí, dixo, “exposicións como esta serven para poñer en valor o excelente traballo que se fai en Galicia neste sentido”.
A mostra, que recolle 73 imaxes realizadas por reporteiros gráficos galegos, permanecerá en Madrid ata o vindeiro 28 de marzo.