Nova: A Xunta pon en marcha unha ampla programación de primavera no Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

07/03/2025

A Xunta pon en marcha unha ampla programación de primavera no Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

Desde mañá e ata o mes de xuño ofreceranse nas fins de semana obradoiros creativos e interactivos, xogos de orientación ou ‘escape rooms’

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2025

A Xunta de Galicia prevé un amplo abano de actividades culturais e educativas que se desenvolverán desde mañá ata o mes de xuño no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro. Trátase dunha programación prevista para as fins de semana e dirixida a todos os públicos que ten por obxectivo achegar o legado prehistórico á poboación a través de experiencias creativas, interactivas e de orientación.

O centro da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pon en marcha a súa programación esta fin de semana, coincidindo coa celebración do Día da Muller. Así, o sábado e o domingo, ás 12,30 horas, realizarase a visita guiada A muller na arte rupestre. O programa inclúe tamén o xogo de pistas O tesouro da Moura, que consistirá en resolver o misterio no centro de interpretación. Como novidade, ponse en marcha o xogo de orientación ao aire libre, Petroaventura, que estará dispoñible en horarios de mañá ou tarde.

Ademais, durante os sábados e domingos de marzo, ás 11,00 horas, terá lugar o obradoiro de Primeiras artistas: non te preguntaches nunca como se pintaba na prehistoria? para coñecer como se realizaban os pigmentos naturais  e que materiais se empregaban para pintar. Tamén no mes de marzo, o día 22, ás 20,00 horas, terá lugar o percorrido nocturno Cando os cervos perden a coroa.

Pola súa banda, no mes de abril as fins de semana incluirán o obradoiro Adornos con historia, onde ademais de coñecer as xoias da prehistoria, deseñarase unha peza propia. Nas datas que coinciden coa Semana Santa, 17, 18 e 19, o público poderá participar no xogo de orientación Ovos de pascua e no caso dos días 18 e 19 terán lugar, ás 21,00 horas,  as visitas nocturnas Noitepedras de lendas.

Xa durante o mes de maio, o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre ofrecerá o día 1 unha visita guiada e un obradoiro de land art para os máis pequenos, mentres que as fins de semana do resto do mes contará cun taller sobre Amuletos máxicos para fabricar un adobío baseado nos idoliños da prehistoria. Ademais, con motivo do Día das Letras Galegas, a noite do 17 de maio, desde as 21,00 horas, celebrarase a visita nocturna Noitepedras de lendas.

A programación prevista para xuño inclúe a actividade Imos de caza na que os asistentes poderán aprender sobre os utensilios que se empregaban na prehistoria. Finalmente, a noite do día 21 terá lugar a visita o Solsticio en pedra, coincidindo co solsticio de verán.

Toda a información sobre as actividades está dispoñible na axenda de Cultura de Galicia e para participar en calquera das actividades a reserva pode facerse directamente na web do parque.

Comparte